WhatsApp Image 2026-03-04 at 10.18.03 (1)

A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E O CLOUD.GAL OURENSE BALONCESTO SUMAN ESFORZOS A PROL DA DOAZÓN DE SANGUE

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Cloud.gal Ourense Baloncesto presentaron esta mañá en rolda de prensa unha campaña especial que terá lugar ao longo da presente semana, destinada a fomentar o altruísta xesto da doazón de sangue entre os veciños e veciñas de Ourense. A doutora Ana Seoane Mosteiro, do departamento de Xestión de Colectas da ADOS, agradeceu á entidade deportiva a súa constante colaboración e compromiso co desenvolvemento de iniciativas vencelladas á doazón de sangue e pediulle ao presidente do club ourensá, Diego González Regueira, que transmitira o recoñecemento polo seu compromiso a todos os membros do equipo ourensán.

A dirección de ADOS salientou a importancia do desenvolvemento conxunto de iniciativas con colectivos e institucións procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega, moi especialmente, coas entidades deportivas que abrangue a mensaxe de solidariedade e altruísmo, que supón a doazón de sangue, cos positivos valores do deporte.

Agasallando a solidariedade

No transcurso da campaña de doazón que terá lugar mañá, martes 10 de marzo, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada na ourensá Rúa do Paseo das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas, para atender a todas as persoas que desexan doar sangue. Todas elas recibirán, como agasallo pola súa participación, unha entrada (ata esgotar existencias) cedidas polo Cloud.gal Ourense Baloncesto para o encontro que disputará fronte ao Tizona o sábado 14 de marzo.

Durante as xornadas previas a esta campaña especial de doazón, tanto a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue como o equipo ourensá están a informar nas súas redes sociais da importancia que teñen as doazóns de sangue para posibilitar o intenso labor asistencial dos nosos centros sanitarios. Ademais, tanto a ADOS como o Cloud.gal Ourense Baloncesto queren convidar a todos os veciños e veciñas de Ourense a doar sangue na xornada de mañá.

Datos de participación

Ana Seoane salientou o carácter solidario dos veciños e veciñas de Ourense que, no ano 2024, realizaron 4.412 doazóns de sangue, cifra que representa unha taxa de 42 doazóns por cada mil habitantes e ano, índice que supera en tres puntos a media de doazón de Galicia.

ADOS quere agradecer a todos os membros do Cloud.gal Ourense Baloncesto (directiva, corpo técnico, xogadores, seareiros e seareiras…) a súa especial sensibilidade co solidario xesto da doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso para impulsar a doazón na cidade de Ourense, agardando que, coa súa contribución, a cidade continúe sendo un dos concellos galegos con maior índice de participación de Galicia. Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Podes ver a rolda de prensa a continuación:

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Fotografía .