comunicado

CARTA Á AFECCIÓN COBISTA DE DIEGO G. REGUEIRA

A toda a familia do COB,

Hoxe quero dirixirme a cada un de vós non só como presidente do club, senón tamén como alguén que medrou da súa man, sentindo cada derrota, cada vitoria e cada emoción compartida.

Son consciente de que, nas últimas semanas, non fomos quen de transmitir no campo o compromiso para o que criamos estar preparados. Os últimos resultados leváronnos a aceptar que o obxectivo que nos marcamos ao comezo da tempada non vai ser posible.

Se falo desde un punto de vista realista, pode que fósemos demasiado ambiciosos. Pero os grandes éxitos nunca se acadaron sen ambición. Sei que non hai escusas, nin pretendo que as haxa.

Tanto o Consello de Administración como eu mesmo estivemos e seguiremos traballando ao máximo. Tede claro que a nosa responsabilidade e implicación son totais.

Como afeccionado, coñezo de primeira man o que significa este club para a cidade, pero, sobre todo, coñezo o que significa para quen nunca abandona as nosas bancadas.

Sinto non ter correspondido á vosa ilusión como debiamos.

Ademais, creo necesario recoñecer o esforzo tanto dos xogadores como do corpo técnico, que non deixaron de loitar en ningún momento. O seu compromiso, profesionalidade e entrega foron e son algo innegociable, aínda que os resultados non reflictan ese esforzo.

Hoxe, máis ca nunca, precisámosvos ao noso lado. Precisamos sentir que a vosa confianza segue intacta. Precisamos o voso pulo. Porque este club sempre afrontou as adversidades do mesmo xeito: a través da unidade.

Se algo teño claro é que afección, equipo e institución debemos camiñar xuntos.

Tamén é importante contar co tecido empresarial de Ourense. É fundamental entender que, se queremos aspirar a máis, precisamos construír un proxecto sólido tamén desde o punto de vista económico. Este club tamén é voso. De todos. Non podemos depender unicamente da realidade actual se queremos cambiar o noso futuro. Por iso, o voso apoio faise imprescindible para medrar.

Non vou facer falsas promesas nin falar de resultados inmediatos. Pero si podo prometer traballo, autocrítica e compromiso. Nunca se me deu ben renderme e non o vou facer agora. Todos os meus esforzos irán destinados a que este club volva ilusionarvos.

Grazas por estar, pola vosa esixencia e por, a pesar de todo, CRER.

Diego G. Regueira
Presidente do Club Ourense Baloncesto

Fotografía .