A Primeira FEB trae mañá ao Paco Paz unha das citas máis atractivas da tempada. O Cloud.gal Ourense Baloncesto recibe ao Leyma Coruña nun novo derbi galego que promete intensidade e ambiente nas bancadas a pesar de ser un mércores ás 21:00 horas.
O conxunto coruñés chega a Ourense como líder da competición cun balance de 21 vitorias e unha soa derrota, números que reflicten o gran nivel competitivo que está a amosar ao longo da tempada. Un equipo sólido, con talento e que esixe a máxima concentración durante os corenta minutos.
Para o Cloud.gal Ourense Baloncesto, o encontro supón un novo reto ante un dos referentes da liga. Os derbis sempre teñen algo especial e adoitan converterse en partidos de gran intensidade, nos que o ritmo, a defensa e os detalles cobran unha importancia decisiva.
O Paco Paz volverá ter un papel fundamental. Este tipo de encontros viven tamén nas bancadas, e o apoio da afección convértese nun impulso máis para competir e manter o nivel de esixencia que require un rival deste calibre.
Todo preparado, polo tanto, para unha noite de baloncesto e emoción no Pazo nun dos partidos máis atractivos da xornada.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación.
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS