O Cloud.gal Ourense sumou unha nova vitoria no Paco Paz tras superar ao Fibwi Palma nun encontro que se decidiu a base de intensidade, carácter e un terceiro cuarto de alto nivel. O equipo consolida así o seu fortín particular cun balance de 8-2 como local, nunha cancha que volveu empurrar como as grandes tardes.
O partido comezou igualado, con alternancias no marcador e ritmo alto. Vrabac e Rafa abriron a conta para os nosos, mentres Kentwan achegaba acerto exterior para manter o pulso. Martin Fernández deixou unha das accións do primeiro cuarto cun 2+1 de moita personalidade que levantou ao Pazo. O período pechouse cun axustado 19-16, deixando claro que tocaba traballar cada posesión.

No segundo cuarto o equipo deu un paso adiante. Vrabac e Sean ampliaron diferenzas de saída, obrigando ao primeiro tempo morto visitante. Martin Iglesias sumou con solvencia, Gabe castigou cun 2+1 e Rafa apareceu no momento preciso, incluíndo un triple clave e unha canastra sobre a bucina que permitiu marchar ao descanso cun 36-34. O encontro estaba aberto, pero o Cloud.gal Ourense amosaba máis consistencia.
Tras o paso polos vestiarios chegou o golpe definitivo. O terceiro cuarto foi o punto de inflexión. O equipo elevou o nivel defensivo, correu a pista e atopou acerto. Vrabac, Rafa e Okanu sostiveron a anotación, mentres Martin Iglesias asinaba un 2+1 que disparaba a diferenza. Gabe e Seixas ampliaron a renda ata un +11 (55-44), obrigando ao tempo morto visitante. O parcial deu confianza aos nosos e marcou o camiño cara ao triunfo (57-49).

Nos dez minutos finais, o Cloud.gal Ourense non baixou o ritmo. Seixas e Isaac abriron o período ampliando vantaxe e un triple de Gabe colocou o 64-49 que fixo estoupar ao Pazo. Romaro e Martin Fernández mantiveron a intensidade, Okanu impúxose na pintura e Rafa puxo a calma desde o tiro libre. A antideportiva recibida por Okanu e a súa posterior efectividade desde a liña terminaron de romper o partido. O equipo soubo xestionar os minutos finais con madurez para pechar unha sólida vitoria por 81-69.
Triunfo de equipo, de rotación ampla e de compromiso colectivo. O Pazo volveu ser diferencial. Grazas á afección por converter esta cancha nun auténtico fortín. 8-2 na casa. Aquí latexamos xuntos.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS