CAMPAÑA DE ABONADOS 2025-2026: VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

O Club Ourense Baloncesto presenta a súa campaña de abonados para a tempada 2025/2026 cunha proposta que reforza a proximidade coa afección, premia a fidelidade e abre as portas a novos socios. A entidade, que milita nunha Primeira Federación cada vez máis esixente e competitiva, quere seguir enchendo o Paco Paz cun público entregado e entusiasta.
Prezos contidos, facilidades de pago e aposta polo crecemento
Co obxectivo de non poñer barreiras económicas, o COB manterá uns prezos semellantes aos da pasada tempada. Só se aplicará unha lixeira suba, pensada para garantir que o club poida continuar medrando a nivel deportivo e estrutural. Esta medida permitirá reforzar a estrutura interna da entidade e acompañará unha intensa actividade comercial prevista para os vindeiros meses, orientada a ampliar apoios e consolidar un proxecto sólido e ambicioso. Os socios da tempada pasada que renoven o seu carné entre o 24 de xuño e o 24 de xullo beneficiaranse dun 10% de desconto sobre o prezo oficial. A partir do 24 de xullo, este desconto deixará de estar dispoñible. Como novidade, tanto os abonados novos como os actuais poderán fraccionar o pago en dúas partes: unha nesta primeira fase e outra en setembro. Os asentos da pasada tempada permanecerán reservados ata o 29 de agosto; pasado ese prazo, quedarán liberados.
Descontos especiais e incentivos
O club tamén quere premiar a quen recomende ao COB. Así, calquera socio da tempada pasada que traia un novo abonado obterá un 25% de desconto no seu carné, sempre que o novo abono sexa da mesma categoría ou superior.
Tamén se aplicarán os seguintes descontos especiais:
- 30% para persoas desempregadas
- 20% para familias (a partir do segundo membro)
- 20% para clubes deportivos, xogadores e adestradores federados
- 30% para nais e pais da canteira do club
- 25% para socios que renoven o abono da tempada 24/25 nas categorías xuvenil, infantil e preinfantil en grada pista central
- 20% para persoas pensionistas
- 20% persoas con diversidade funcional
Estes descontos non serán aplicables na grada de pista, agás o desconto familiar e as renovacións mencionadas para xuvenís, infantís e preinfantís.
Novidades nas gradas: fondo de animación
Entre as principais novidades desta tempada destaca a reubicación das peñas, que se situarán no fondo detrás dunha das canastras co obxectivo de crear unha auténtica Grada de Animación. Para apoiar esta iniciativa, manteranse os prezos practicamente idénticos aos do ano pasado e entregarase unha camiseta de agasallo a cada integrante das peñas.
Ademais, durante toda a tempada o Club prestará apoio constante a este fondo, co obxectivo de convertilo no corazón da animación do Paco Paz.
Este espazo estará ocupado polas dúas peñas do club, así como por colexios, asociacións e clubs que se vaian convidando ao longo da tempada. Tamén se están mantendo conversas coa Universidade de Vigo para facilitar que os estudantes do campus poidan facerse socios e formar parte deste fondo.
Todos ao Pazo Paco Paz
O abono permitirá o acceso a todos os partidos da fase regular que se disputen no Paco Paz. Existen diferentes modalidades de abono, dende os 400 € en palco VIP ata os 90 € nas zonas de animación, para que todas as persoas poidan atopar unha opción que se adapte ás súas posibilidades e vivir o COB desde dentro.
Desde o Club Ourense Baloncesto animamos a toda a cidade e á provincia a sumarse ao proxecto e a vivir unha nova tempada chea de emocións, paixón e orgullo cobista.
PREZOS 2025/2026
Categoría |
Pista Central |
Grada Central / Esquinas |
Fondos |
Senior |
200 € |
170 € |
145 € |
Mozo/a (15–25) |
200 € |
85 € |
75 € |
Infantil (5–14) |
200 € |
45 € |
40 € |
Preinfantil (2–5) |
200 € |
20 € |
20 € |
PEÑAS
Categoría |
Prezo |
Senior |
100 € |
Mozo/a (15–25) |
60 € |
Infantil (5–14) |
30 € |
Preinfantil (2–5) |
20 € |
HORARIOS OFICINA:
Luns: 9:00 a 19:00 horas
Martes a venres de 9:00 a 15:00 horas