_APB_FUENOUREN-48

O Cloud.gal Ourense Baloncesto cae ante o Flexicar Fuenlabrada

O Cloud.gal Ourense Baloncesto caeu ante o Flexicar Fuenlabrada (78–71) no encontro correspondente ao partido aprazado, nun duelo no que os de Moncho López levaron o control durante boa parte do choque pero no que o empuxe final do conxunto madrileño acabou sendo determinante.

O partido non comezou ben para o COB, que encaixou un 7–0 inicial. A reacción foi inmediata: o acerto de Diogo Seixas e Gabe Kalscheur desde o perímetro, xunto coa presenza interior de Kingsley Okanu e Romaro Gill, permitiu equilibrar o marcador e virar o ritmo do encontro. Isaac Vázquez e Rafa Lisboa deron continuidade ao bo momento ofensivo para pechar o primeiro cuarto por diante (23–27).

No segundo período chegou a mellor versión do Ourense. O equipo mostrou solidez defensiva, bo movemento de balón e acerto exterior para ampliar a diferenza. Okanu fíxose forte na pintura e Lisboa mantivo a fluidez ofensiva, mentres que Kentwan Smith, cun triplo final, elevaba a renda ao descanso (36–46).

Tras o paso polos vestiarios, o COB chegou a acadar unha vantaxe de catorce puntos (36–50), pero o Fuenlabrada foi elevando o nivel físico e intensidade defensiva. O partido entrou nun escenario máis esixente, con máis contactos e máis interrupcións, no que o conxunto local comezou a recurtar diferenzas ata pechar o terceiro cuarto cun marcador moi axustado (60–61).

No último período, o desgaste acumulado e o ritmo imposto polo rival fixéronse notar. O Fuenlabrada conseguiu poñerse por diante e abrir unha pequena fenda mentres o Ourense perdía frescura ofensiva. Tamén resultou significativo o paso pola liña de tiros libres: o conxunto madrileño lanzou 25 tiros libres polos 8 do COB, un dato que axudou a consolidar a súa vantaxe nos minutos decisivos.

O Cloud.gal Ourense competiu durante moitos minutos e chegou a ter o partido controlado, pero o tramo final decantouse do lado local, que soubo aproveitar mellor os últimos ataques para pechar o encontro.

Fotos: Alba Pacheco

Fotografía .