O Cloud.gal Ourense Baloncesto caeu este sábado ante o Flexicar Fuenlabrada (69–72) nun encontro moi igualado que se decidiu nos instantes finais tras un último cuarto de máxima tensión.
O partido comezou con intercambio de golpes nos primeiros minutos, pero o conxunto madrileño conseguiu abrir unha pequena fenda mediado o primeiro cuarto, aproveitando o seu acerto exterior e algunhas perdas locais. O Ourense reaccionou da man de Martín Iglesias e Sergi Huguet para pechar o período reducindo diferenzas (13–18).
No segundo cuarto chegou a mellor versión ofensiva do equipo de Moncho López. Rafa Lisboa asumiu protagonismo anotador, liderando a remontada con acerto desde o perímetro. O COB foi medrando en confianza, mellorando circulación e ritmo, e conseguiu darlle a volta ao marcador tras un alley-oop culminado por Romaro Gill e varias accións consecutivas de Rafa. O equipo marchou ao descanso cunha vantaxe de sete puntos (44–37) tras un parcial moi sólido.

Tras o intermedio, o encontro mantivo un ritmo alto. O Ourense chegou a estirar a renda ata os nove puntos (56–47), pero o Fuenlabrada non lle perdeu a cara ao partido e foi recurtando diferenzas pouco a pouco, castigando en transición e aproveitando segundos esforzos. O terceiro período pechouse cun marcador máis axustado (58–54), deixando todo aberto para o último cuarto.
No tramo definitivo, o conxunto visitante completou a remontada cun parcial que lle permitiu poñerse por diante. O COB respondeu con personalidade: Isaac Vázquez asumiu responsabilidade e, a falta de 1:43, anotou para empatar o encontro (69–69). Porén, unha acción de 2+1 de Dani Manchón devolveu a iniciativa ao Fuenlabrada (69–72) e, na última posesión, o lanzamento do Ourense non atopou o acerto necesario para forzar a prórroga.
Derrota dolorosa pola forma na que se produciu, nun partido no que o Cloud.gal Ourense competiu durante moitos minutos a gran nivel e chegou a ter o control, pero que acabou decidíndose por pequenos detalles no tramo final.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS
Fotos: Carlos Domarco e Brenda Castro