O Cloud.gal Ourense non puido sumar na súa visita ao Palmer Basket Mallorca nun partido no que, tras unha primeira metade igualada, non conseguiu manter o ritmo e acabou cedendo ante un rival que foi medrando co paso dos minutos.
O encontro comezou con igualdade e intercambio de canastras. Sean foi protagonista nos primeiros compases con cinco puntos consecutivos, mentres Gabe e Isaac tamén achegaban para manter o pulso anotador. Okanu sumaba presenza na pintura e o equipo mantívose sempre preto nun primeiro cuarto que rematou cun axustado 14-16.

No segundo período, o Cloud.gal Ourense conseguiu mesmo poñerse por diante nos primeiros minutos, cun triple de Rafa e boas accións de Sean. Seixas e Gabe aportaron desde o exterior e Okanu destacou cun 2+1 que permitía manter a igualdade. O equipo competía, pero non lograba romper o partido, chegando ao descanso cun 28-29 que deixaba todo aberto.
Na segunda metade, o Palmer Basket Mallorca deu un paso adiante. O conxunto local elevou a intensidade e foi abrindo diferenzas ante un Cloud.gal Ourense que tivo dificultades para atopar o aro. A pesar dos intentos de Okanu desde o tiro libre e das achegas puntuais de Martin Fernández e Seixas, o rival foi ampliando a vantaxe de maneira progresiva.

Nos últimos dez minutos, o equipo tratou de reaccionar con puntos de Gabe, Rafa e Iglesias, pero a diferenza era xa considerable. O Palmer Basket Mallorca mantivo o control do encontro e non deu opción á remontada, pechando o partido cun 72-56 definitivo.
Toca seguir traballando duro para recuperar a nosa mellor versión e volver competir ao nivel que este equipo xa demostrou.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS