WhatsApp Image 2026-03-14 at 19.15.38

O Cloud.gal Ourense impón o seu carácter e leva un triunfo traballado ante o Grupo Ureta Tizona Burgos

O Cloud.gal Ourense sumou unha vitoria de moito mérito tras superar ao Grupo Ureta Tizona Burgos nun encontro intenso e cheo de alternativas que se decidiu nos últimos segundos. O equipo soubo sufrir, manterse no partido nos momentos complicados e aparecer cando máis importaba para acabar celebrando un triunfo traballado.

O encontro comezou con igualdade e intercambio de golpes. Gabe abriu o marcador cun triple que respondía ao primeiro ataque visitante, mentres Adin e Okanu mantiñan o pulso anotador. O Tizona aproveitou un bo momento ofensivo para abrir unha pequena vantaxe mediado o cuarto, obrigando ao tempo morto de Moncho López co 12-20 no marcador. A reacción non tardou en chegar: Romaro, Martin Fernández e Isaac lideraron un parcial que devolveu ao equipo ao partido ata igualar o marcador (23-23) antes de pechar o primeiro período cun axustado 23-25.

No segundo cuarto o conxunto burgalés volveu atopar acerto para estirar a diferenza. Rafa e Sean trataron de manter ao Cloud.gal Ourense no encontro, mentres Kingsley e Iglesias sumaban na pintura. Isaac apareceu cun triple importante para reducir a distancia e Carlos Jürgens pechou o cuarto con puntos que deixaban o marcador en 40-45 ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios chegou un terceiro período de moita intensidade. Iglesias e Vrabac abriron o camiño para reducir diferenzas, mentres Rafa acertaba desde o perímetro para manter o equipo a un paso do rival. Seixas tamén castigou desde o exterior e Martin Fernández sumou puntos importantes nun cuarto no que o Cloud.gal Ourense non deixou de pelexar, aínda que o Tizona mantivo unha curta vantaxe ao final do período (57-64).

Nos últimos dez minutos chegou a reacción definitiva. Gabe abriu o cuarto cun triple que metía ao equipo de cheo no partido e Sean respondeu tamén desde o perímetro para manter a presión. Vrabac igualou practicamente o encontro cun triple clave e Okanu puxo por diante ao Cloud.gal Ourense (69-68). Nos minutos finais, Gabe volveu aparecer con puntos determinantes e Rafa ampliou a renda desde media distancia. A falta de pouco máis dun minuto, Sean anotou tras rebote ofensivo para colocar o 78-73 que parecía definitivo, aínda que o rival respondeu cunha canastra máis un roubo que puxo emoción. Gabe sumou desde o tiro libre para poñer o 79-77 e, na última posesión, o Tizona dispuxo dun lanzamento forzado desde o perímetro que non atopou o aro.

O Paco Paz celebrou así unha vitoria de carácter dun Cloud.gal Ourense que volveu demostrar que sabe competir nos finais axustados.

Fotografía .