O Cloud.gal Ourense asinou unha das actuacións máis completas da tempada ao superar ao Movistar Estudiantes nun encontro vibrante, de alto ritmo e cun Pazo dos Deportes Paco Paz empurrando de principio a fin. O equipo marcou territorio desde o salto inicial e soubo responder aos momentos de dificultade para pechar unha vitoria de carácter.
O inicio foi eléctrico. Gabe abriu o marcador e, xunto a Isaac, puxo o 4-0 de saída. Un triple de Gabe elevou a diferenza ata o 7-0 e marcou o ton dun primeiro cuarto no que o equipo xogou con decisión, intensidade defensiva e acerto exterior. Romaro fixo dano preto do aro, Okanu sumou presenza interior e Rafa castigou desde o perímetro. Kentwan tamén se uniu á festa anotadora e o período pechouse cun contundente 27-16 que reflectía o dominio local.

No segundo cuarto mantívose a dinámica. O equipo moveu ben o balón, atopou tiros liberados e sostivo vantaxes arredor da decena de puntos. Gabe continuou sumando, Kentwan apareceu en momentos clave e Martin Fernández achegou puntos de calidade. Aínda que Estudiantes intentou recurtar diferenzas, o Cloud.gal Ourense respondeu con madurez. Un triple de Gabe e unha canastra de Sean permitiron chegar ao descanso cun 54-49 que deixaba claro que o partido esixía constancia.
Tras o paso polos vestiarios, o conxunto madrileño elevou a intensidade e conseguiu darlle a volta ao marcador. O terceiro cuarto foi o máis complexo para os nosos, que tiveron que remar ante o acerto visitante. Sean, Rafa e Romaro mantiveron vivo ao equipo, mentres Gabe igualaba o encontro cun triple decisivo (65-65) e transformaba un tiro libre tras técnica para devolver a iniciativa. A igualdade foi máxima e o cuarto pechouse cun axustado 71-72 que deixaba todo por decidir.

Nos dez minutos finais apareceu a versión máis competitiva do equipo. Rafa asumiu galóns cunha serie de triplas determinantes que puxeron por diante ao Cloud.gal Ourense, Sean respondeu desde o perímetro e Romaro impúxose na pintura nos momentos clave. Martin Fernández desatou o Pazo cun triplazo a falta de 2:53 para abrir fenda (95-88) e obrigar ao tempo morto visitante. A partir de aí, o equipo xogou con cabeza fría, controlou o rebote e castigou cada erro rival. Kentwan e Sean ampliaron a renda e Rafa certificou desde o tiro libre unha vitoria de mérito por 103-97.
Triunfo coral, con múltiples protagonistas e unha demostración de personalidade ante un histórico. O Cloud.gal Ourense impón o seu ritmo, fai do Pazo un fortín e envía unha mensaxe clara: aquí compítese ata o final.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación: