No segundo parcial, o conxunto ourensán deu un paso adiante. A entrada de Martín Fernández e Kentwan Smith aportou enerxía, mentres Carlos Jürgens e Romaro fixeron dano preto do aro. O COB conseguiu poñerse por diante en varios momentos e chegou ao descanso cun marcador favorable, demostrando personalidade e bo criterio ofensivo.
Tras o paso polos vestiarios chegou o mellor momento do Alimerka Oviedo. O cadro local subiu a intensidade defensiva e conseguiu un parcial que lle permitiu recuperar terreo e virar o marcador. A pesar dos intentos do COB por manterse no partido, Oviedo conseguiu chegar ao final do terceiro cuarto con vantaxe (59-55), obrigando aos de Moncho López a remar no último período.
No cuarto decisivo, o COB non baixou os brazos. Rafa Lisboa tomou a responsabilidade, Okanu e Sean McDonnell mantiveron ao equipo con opcións e o encontro entrou nos últimos minutos totalmente aberto. Ourense chegou a ter balón para empatar, pero a última acción non tivo premio: Rafa Lisboa lanzou o tiro libre a fallar de maneira intencionada buscando o rebote ofensivo e a canastra final, pero a xogada non saíu e o triunfo quedou en Oviedo.
Derrota axustada dun COB que competiu ata o último segundo, deixou boas sensacións como visitante e volveu demostrar carácter nunha pista esixente, quedándose a un paso de culminar o esforzo cunha nova vitoria lonxe do Pazo.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:
Fotos: Julián Rus