WhatsApp Image 2026-11-07 at 20.41.50 (1)

Martín Iglesias decide sobre a bucina e o COB asalta a pista do Partizan de Fuenlabrada

O Club Ourense Baloncesto conseguiu unha vitoria de enorme valor na pista do Partizan de Fuenlabrada por 84-86. Nun encontro de máxima igualdade, os de Moncho López souberon resistir os momentos de dificultade e chegaron aos últimos segundos con opcións de levar o partido. Martín Iglesias apareceu sobre a bucina para palmeala dentro e darlle o triunfo ao COB.

O partido comezou cun COB disposto a marcar o ritmo. Pinedo abriu a anotación e Martín Fernández, Sean McDonnell e Javi Nicolau foron sumando para manter os ourensáns por diante. O equipo atopou puntos en diferentes xogadores e, malia as respostas do Fuenlabrada, conseguiu pechar o primeiro cuarto cunha pequena vantaxe (17-19).

No segundo período, o COB ampliou a diferenza. Pinedo e Leimanis, cun triplo, puxeron o 17-24, e as canastras de Iglesias, Darío e Marc García permitiron manter o control. Porén, tres perdas consecutivas facilitaron a reacción local e Moncho López tivo que parar o partido co 29-30 e pouco menos de cinco minutos para o descanso. A resposta ourensá foi inmediata: Martín Fernández e Marc García volveron abrir distancia, Russell anotou desde o perímetro e Fernández pechou o cuarto cun triplo para deixar o marcador en 36-44.

O terceiro cuarto comezou cunha declaración de intencións. Sean McDonnell anotou un triplo e Pinedo completou unha acción espectacular para ampliar a vantaxe ata o 36-49. O Fuenlabrada reaccionou e foi recortando distancias, pero o COB atopou respostas nas accións de Marc García, Nicolau e Martín Fernández. O equipo local volveu achegarse nos últimos minutos, ata situarse a catro puntos. Leimanis, desde a liña de tiros libres, estableceu o 56-63 co que se chegou ao último período.

O cuarto final foi un auténtico pulso. O Fuenlabrada comezou en zona e conseguiu reducir a diferenza, pero Leimanis respondeu cun triplo. Nicolau, cun mate, e Russell, desde o perímetro, mantiveron o COB por diante. Co marcador cada vez máis axustado, Martín Fernández e Pinedo sumaron para os ourensáns, pero o conxunto madrileño conseguiu igualar a 75.

Martín Fernández volveu aparecer cun triplo para poñer o 75-78, mais o Fuenlabrada tomou a dianteira por 79-78. Leimanis respondeu con dous triplos decisivos nos últimos minutos. O segundo, a falta de 38 segundos, situou o COB por diante (81-84). Tras un tempo morto local, o Fuenlabrada anotou para achegarse a un punto. O COB perdeu o balón na seguinte posesión e os locais dispuxeron de dous tiros libres, dos que só anotaron un: 84-84.

Con doce segundos no reloxo, Russell subiu o balón e buscou o último lanzamento, moi forzado. A pelota non entrou, pero Martín Iglesias apareceu no rebote para palmeala dentro e selar o 84-86 definitivo. Unha vitoria decidida no último instante e que permite ao COB regresar de Fuenlabrada cun triunfo construído ata a última posesión.

Fotos: Alba Pacheco

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:

Photograph .