O COB suma a segunda vitoria consecutiva cun partido moi completo en Zamora

O Club Ourense Baloncesto continúa o seu bo inicio de tempada e acadou en Zamora un importante triunfo ante o Caja Rural Zamora (84–94) nun encontro que dominou dende o inicio e no que volveu amosar unha gran versión colectiva. O equipo adestrado por Moncho López impuxo o seu ritmo e respondeu con madurez nos momentos máis complicados para sumar a segunda vitoria consecutiva na Primera FEB.
O partido comezou cun COB sólido, aínda que con algúns problemas puntuais no rebote defensivo que permitiron ao conxunto local manterse preto no marcador. A intensidade de Kingsley Okanu no xogo interior e o acerto de Carlos Jurgens e Isaac Vázquez permitiron aos ourensáns levar a iniciativa, pechando o primeiro cuarto cun 22–24 favorable.
No segundo período, o COB deu un paso adiante en defensa e ampliou diferenzas grazas ao acerto exterior e ao control do ritmo. Rafa Lisboa, moi inspirado durante todo o encontro, asumiu o liderado ofensivo e comezou a marcar o ritmo con decisións rápidas e moita eficacia no tiro. Martín Iglesias e Gabe Kalscheur completaban o bo momento ourensán, mentres que Sean McDonnell asinaba un gran tramo final de cuarto para levar o partido ao descanso cun claro 40–49.
Tras o paso polos vestiarios, os ourensáns mantiveron o control absoluto do xogo. A intensidade defensiva, o equilibrio no ataque e o acerto desde o perímetro —con accións destacadas de McDonnell, Kentwan Smith e Sergi Huguet— fixeron que o COB alcanzase a máxima diferenza do encontro con ata 22 puntos de vantaxe. Zamora reacciona timidamente e achegase no marcador (59–75) antes de entrar no último cuarto.
O tramo final comezou con complicacións: Zamora reaccionou cun parcial de 14–5 que reduciu a diferenza a só sete puntos, pero unha falta sobre McDonnell, que dispuxo de tres tiros libres, rompeu a mala dinámica e devolveu a calma ao equipo. A partir dese momento, o COB volveu atopar fluidez no ataque con Martín Iglesias —gran protagonista no tramo decisivo— e o acerto de Rafa Lisboa, que pechou o seu gran encontro con 23 puntos, para selar a vitoria por 84–94.
O equipo de Moncho López suma así un novo triunfo que reforza a confianza e consolida as boas sensacións dun inicio de curso moi sólido.
Unha mención especial para toda a afección desprazada a Zamora, que acompañou ao equipo e animou en todo momento, facendo sentir a súa forza e apoio fundamentais para conseguir este triunfo. GRAZAS por estar sempre aí
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS