DSC_9924

O Club Ourense Baloncesto recibe este mércores ao Palmer Basket Mallorca (20:45 horas) no Pazo dos Deportes Paco Paz, nos oitavos de final da Copa España. O equipo de Moncho López buscará unha vitoria que lle permita avanzar na competición e meterse entre os oito mellores equipos. O encontro terá tamén un carácter solidario, xa que 1 euro de cada entrada vendida irá destinado a Bicos de Papel.

O COB chega a esta eliminatoria despois de encadear tres vitorias consecutivas na Primera FEB, a última delas o pasado sábado ante o Insolac Caja 87 (87-74) no Paco Paz. Na Copa España, os de Moncho López conseguiron o pase aos oitavos de final tras superar ao CB Prat (86-103).

En fronte estará un Palmer Basket Mallorca que chega tras gañar o seu último partido de liga ante o Bueno Arenas Albacete (80-74). Na Copa España, os baleares conseguiron o pase aos oitavos de final tras superar ao Caja Rural CB Zamora (101-77).

Moncho López espera un partido esixente ante un rival moi equilibrado, con capacidade ofensiva, físico nas posicións exteriores e varias ameazas desde o triplo. O técnico tamén advertiu da carga de partidos desta semana, con tres encontros en oito días, e das molestias físicas que arrastran algúns xogadores, aínda que confirmou que todos estarán dispoñibles.

O encontro terá tamén un compoñente solidario coa colaboración de Bicos de Papel, asociación galega que presta apoio á infancia oncolóxica e ás súas familias. A entidade ofrece acompañamento psicolóxico, educativo e económico, ademais de axudar ás familias que deben desprazarse fóra da provincia de Ourense para que os seus fillos reciban tratamento.

Por cada entrada vendida, 1 euro irá destinado á asociación. Ademais, habilitarase unha fila 0 para quen queira colaborar e non poida asistir ao encontro. As doazóns poderán realizarse mediante transferencia bancaria ao seguinte número de conta:

IBAN: ES9001334730754200004113

As entradas terán un prezo de 6 euros para adultos e 4 euros para menores de 18 anos, tanto para socios como para non socios. Os abonados manterán reservado o seu asento habitual.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:

Fotografía .