O Club Ourense Baloncesto afronta este venres a cuarta xornada da Primeira FEB cun novo compromiso no Pazo dos Deportes Paco Paz. O equipo de Moncho López recibe ó HLA Alicante ás 21:00 horas, nun encontro no que buscará recuperar a senda da vitoria e volver competir diante da súa xente.
O COB continúa condicionado polas ausencias que marcaron a súa preparación e o inicio da competición. Marc García é dúbida para o encontro, mentres que Javi Nicolau podería debutar, aínda que cunha participación limitada. Nun comezo de tempada no que o equipo aínda non puido traballar nin competir co cadro ó completo, os ourensáns buscarán seguir avanzando e ofrecer a súa mellor versión ante a afección do Paco Paz.
Diante estará un HLA Alicante que chega invicto, con tres vitorias nas tres primeiras xornadas. O conxunto alacantino confirmou o seu bo inicio cun triunfo ante o Gran Canaria na última xornada e conta cunha ampla rotación, que lle permite manter unha elevada intensidade durante os partidos. Ademais, destaca pola súa capacidade ofensiva desde a liña de tres puntos, unha das súas principais armas neste arranque ligueiro.
Para o COB, unha das claves estará en manter a concentración e o ritmo durante os corenta minutos ante un rival que destaca pola súa profundidade de cadro e polo seu poder ofensivo. Os de Moncho López queren facer valer o factor pista e converter o apoio da súa xente nun impulso máis para plantar cara a un dos equipos que mellor comezou a competición.
Este venres, ás 21:00 horas, o COB volve ó Paco Paz. Unha nova oportunidade para competir na casa e loitar pola vitoria diante da súa afección.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación: