WhatsApp Image 2026-08-26 at 17.50.31 (1)

Javier Nicolau, un ingrediente ‘gourmet’ para o novo proxecto do COB

Formosel Cocinas incorpórase como patrocinador e padriño de Javier Nicolau.

O Club Ourense Baloncesto presentou oficialmente a Javier Nicolau, unha das incorporacións do proxecto para a tempada 2026/27, nun acto no que tamén se presentou a Formosel Cocinas como novo patrocinador e padriño do xogador.

Durante a presentación, Sergio Pérez agradeceu a Formosel Cocinas a súa aposta polo club e polo baloncesto local. Pola súa banda, José, en representación de Formosel Cocinas , explicou a ilusión da empresa por sumarse ao proxecto do COB. Con máis de 40 anos de traxectoria, a compañía ourensá está especializada na instalación de mobiliario de cociñas e baños, electrodomésticos e reformas integrais.

José destacou a satisfacción de poder apadriñar a Javier Nicolau e, ao mesmo tempo, colaborar co baloncesto da cidade e cun proxecto deportivo que representa a Ourense.

Moncho López foi o encargado de poñer en valor a incorporación de Javier Nicolau, aproveitando o vínculo co novo patrocinador para asegurar que «se está a cociñar algo bo no COB».

O técnico destacou que o novo proxecto conta con «bos ingredientes» e definiu a Nicolau como un deles. O interior chega a Ourense despois dunha traxectoria deportiva moi consolidada nas competicións FEB, cunha etapa inicial de formación nos Estados Unidos e un importante crecemento técnico e táctico nos últimos anos.

«Javi sería o ingrediente gourmet», sinalou Moncho, destacando non só as súas cualidades como xogador, senón tamén a súa capacidade para integrarse no grupo.

O adestrador explicou que, aínda que unhas molestias que arrastra desde a pasada tempada lle impiden adestrarse con normalidade xunto ao equipo, o xogador está a evolucionar favorablemente e traballando para incorporarse canto antes á dinámica colectiva.

Ademais, Moncho quixo destacar que a chegada de Nicolau confirma que o COB non só incorporou un bo xogador, senón tamén un gran compañeiro de equipo, unha característica fundamental na construción do novo proxecto.

Javier Nicolau agradeceu a Formosel Cocinas e ao Club Ourense Baloncesto a confianza depositada nel e recoñeceu estar moi ilusionado coa súa chegada a Ourense.

«É un proxecto moi atractivo e estou moi ilusionado. Temos un bo equipo, bos xogadores, bos compañeiros e un bo staff», explicou.

O xogador recoñeceu que as molestias coas que rematou a pasada tempada non desapareceron como esperaba durante o verán, pero mostrouse optimista coa súa evolución e con moitas ganas de volver adestrarse cos seus compañeiros.

«Velos desde a banda xa resulta aburrido», bromeou Nicolau, que está desexando incorporarse ao grupo e comezar a achegar sobre a pista.

Preguntado pola súa recuperación, o interior destacou o traballo que está a realizar o club, poñéndoo en mans dos mellores profesionais para conseguir unha evolución adecuada e acelerar o seu regreso da mellor maneira posible.

Nicolau asegurou que cada vez pode facer máis cousas e que a evolución é positiva, aínda que prefire non marcarse unha data concreta para o seu regreso. O seu obxectivo é poder estar dispoñible para o inicio da competición.

O xogador tamén explicou que unha das claves para decantarse polo COB foi a conversa mantida con Moncho López e a visión que o técnico lle transmitiu sobre o proxecto.

Nicolau considera que o equipo reúne un bo equilibrio entre xogadores con experiencia e mozos con fame de medrar, dentro dun grupo competitivo que aínda incorporará dúas pezas máis para completar o cadro e achegar un novo impulso ao proxecto.

Pola súa banda, Sergio Pérez explicou que as pretempadas están habitualmente condicionadas polas ausencias e diferentes situacións físicas dos xogadores, pero destacou que a configuración do cadro permite ao club afrontar este tipo de circunstancias con garantías.

Moncho recoñeceu que o COB valorou diferentes opcións de mercado ante a posibilidade de que fose necesario incorporar temporalmente outro xogador, pero a boa evolución de Nicolau fai que o club sexa optimista coa súa recuperación e confíe en poder contar con el proximamente.

Con Javier Nicolau como unha das súas apostas importantes e Formosel Cocinas como novo patrocinador e padriño, o COB continúa dando forma a un proxecto que, como resumiu Moncho López, conta con ingredientes de calidade para cociñar unha gran tempada.

Photograph .