WhatsApp Image 2026-08-28 at 19.54.08

O COB afronta o seu primeiro test de pretempada

O Club Ourense Baloncesto afronta esta fin de semana o seu primeiro partido de pretempada, un encontro que permitirá ao equipo poñer en práctica os primeiros conceptos traballados durante estas dúas semanas de preparación.

Máis alá do resultado, o principal obxectivo será comprobar o estado do equipo nun contexto competitivo e trasladar ao partido o traballo realizado nos adestramentos. “É unha forma de buscar outros estímulos, facendo o que se fai nos adestramentos pero contra outra camiseta”, explica o técnico ourensán, consciente de que se trata aínda dun paso máis dentro da preparación.

Durante estas primeiras semanas, o equipo tamén avanzou na integración dos xogadores. A elección de McDonnell e Martín Fernández como capitáns está a resultar importante neste proceso, colaborando ambos na adaptación dos seus compañeiros e na creación dunha boa dinámica de grupo.

No apartado táctico, o traballo realizado está a permitir confirmar as características que se buscaban na configuración do equipo, especialmente a súa versatilidade, un dos sinais de identidade que se pretende potenciar ao longo da tempada.

O seguinte paso chegará coa incorporación dos últimos integrantes do cadro. Toms Leimanis e Jancidek sumaranse ao grupo a próxima semana, nun momento clave para comezar a orientar o traballo cara ás esixencias da competición e avanzar na construción do xogo colectivo.

“Queremos ver como os podemos integrar e empezar a adestrar tacticamente cara á competición”, sinala o adestrador, que pon o foco en seguir dando pasos durante as próximas semanas.

Este primeiro test servirá, polo tanto, para tomar contacto coa competición, continuar coñecéndose sobre a pista e sentar as bases dun equipo que seguirá medrando coa incorporación dos últimos xogadores e o avance do traballo táctico.

Podes ver a rolda de prensa completa na seguinte ligazón:

Photograph .