DSC_0352

O Club Ourense Baloncesto viaxa a Madrid para enfrontarse mañá domingo, ás 12:00 horas, ao Movistar Estudiantes no Movistar Arena, nun partido correspondente á novena xornada da Primeira FEB. O conxunto ourensán, sexto na táboa cun balance de cinco vitorias e tres derrotas, visita unha das pistas máis esixentes da competición co obxectivo de dar continuidade á súa xeira de tres triunfos consecutivos na liga.

Enfronte estará un dos proxectos máis potentes da categoría. O Movistar Estudiantes ocupa a segunda praza da clasificación (7-1), permanece invicto no seu pavillón no que vai de curso (4-0) e dispón dunha plantilla longa e física de catorce xogadores deseñada para pelexar polo ascenso. O bloque dirixido por Toni Ten destaca pola súa profundidade de banco, o seu ritmo alto de xogo e o seu potencial ofensivo, con homes determinantes na categoría como Omar Silverio, referencia exterior do equipo, xunto a xogadores contrastados como Fernando Zurbriggen, Léo Westermann ou Juampi Vaulet.

O COB chega a esta cita nun bo momento de resultados na competición regular e cun balance positivo lonxe do Pazo (2-1), pero condicionado polo desgaste físico acumulado na eliminatoria de Copa España disputada este mércores ante o Palmer Basket Mallorca. As baixas e a curta rotación obrigaron ao corpo técnico a baixar a carga nos adestramentos previos á viaxe para chegar coas máximas garantías posibles a un duelo que esixirá igualar a intensidade e o nivel de contactos do cadro madrileño.

O encontro poderá seguirse en directo a través de Baloncesto TV.

Podes ver a rolda de prensa previa de Moncho López a continuación:

Photograph .