IMR_3113

O COB busca transformar o seu bo xogo nunha vitoria ante o Fibwi Palma

O Club Ourense Baloncesto recibe este sábado ó Fibwi Palma (19:00 horas) no Pazo dos Deportes Paco Paz. O equipo de Moncho López busca transformar as boas sensacións dos últimos encontros nunha vitoria, nunha xornada na que o Samaín tamén terá o seu espazo nas actividades organizadas polo club.

O COB chega á cita tras unha semana na que, coa recuperación de Marc García, conseguiu superar as dificultades que viña arrastrando nos adestramentos por non poder contar coa plantilla ó completo. As claves do partido pasarán por manter o nivel de xogo dos últimos encontros, controlar a velocidade do rival e atopar solucións ante as diferentes alternativas defensivas do conxunto balear.

O Fibwi Palma é un equipo que aposta por un baloncesto rápido, con moitas posesións e capacidade para facer dano en transición. O bloqueo directo e as situacións individuais son dous dos seus principais recursos ofensivos. Simonovic destaca pola súa capacidade física na posición de catro. En defensa, o equipo balear alterna diferentes propostas, con zonas, defensas especiais e distintas formas de defender os bloqueos.

O Samaín tamén se vivirá no Paco Paz con diferentes actividades, como maquillaxe de caras, concurso de disfraces e outras sorpresas. Ademais, todos os menores de 18 anos que acudan cunha cabaza decorada recibirán unha entrada de balde.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:

Photograph .