O Club Ourense Baloncesto caeu por 84-80 na súa visita ao Súper Agropal Palencia nun encontro no que levou a iniciativa durante boa parte dos corenta minutos. Os de Moncho López chegaron a dispoñer de dezaseis puntos de vantaxe, pero a reacción local na segunda metade acabou por decidir un partido que se mantivo aberto ata os últimos segundos.
O COB entrou moi ben no encontro. Sean McDonnell, cunha canastra adicional tras recibir falta, abriu o marcador e os ourensáns foron ampliando a diferenza grazas ao acerto colectivo. Xabi Oroz, Javi Nicolau e Leimanis sumáronse á anotación, mentres Jan Zidek aproveitou unha acción de rebote ofensivo para completar un 2+1. O equipo soubo impoñer o seu ritmo e pechou o primeiro cuarto cunha vantaxe de 13-25.

A dinámica mantívose no segundo período. McDonnell e Leimanis seguiron facendo dano en ataque, e un triplo deste último obrigou a Natxo Lezkano a deter o partido co 19-34 no marcador. Zidek e Martín Fernández tamén atoparon o aro desde a liña de tres puntos, permitindo ao COB acadar a súa máxima renda, de dezaseis puntos (24-40). O Palencia reaccionou nos últimos minutos do cuarto e reduciu a diferenza ata o 35-45 co que se chegou ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o conxunto local aumentou a intensidade e comezou a recortar distancias. O COB atopou respostas con accións de Leimanis, McDonnell e Nicolau, que anotou un triplo importante para manter os visitantes por diante. Porén, o Palencia foi medrando co paso dos minutos e, cun parcial de 10-0 nos últimos compases do terceiro cuarto, conseguiu situarse a un só punto: 60-61.

O último período converteuse nun pulso constante. McDonnell, con outro triplo, e Pinedo permitiron ao COB manter a dianteira, pero os locais non deixaron que a diferenza medrase. Co partido igualado a 75, o Palencia conseguiu poñerse por diante e chegou a mandar por dous puntos a falta de pouco máis dun minuto. Xabi Oroz anotou dous tiros libres para establecer o 77-77, mais o equipo local volveu tomar a iniciativa no marcador.
Leimanis mantivo vivas as opcións ourensás nos últimos segundos, pero o Palencia soubo xestionar a vantaxe e pechou o encontro co definitivo 84-80. O COB marcha así sen premio dunha pista na que estivo preto de completar unha vitoria de mérito.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:
Fotos: Víctor Quintana