WhatsApp Image 2026-10-15 at 14.12.50

O COB impulsa o concurso «Os valores no deporte» para unir deporte, educación e creatividade

O Club Ourense Baloncesto presentou este xoves na Biblioteca NOS Ourense unha iniciativa dirixida ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e ESO da provincia, que poderá participar cun debuxo ou un relato ata o 30 de novembro.

O Club Ourense Baloncesto presentou este xoves na Biblioteca NOS Ourense unha iniciativa conxuntamente coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e Grupo Iberólica Renovables, dirixida ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e ESO da provincia, que poderá participar cun debuxo ou un relato ata o 30 de novembro.

O acto, celebrado na sala de conferencias da Biblioteca NOS Ourense, contou coa participación de Diego González, presidente do COB; Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa; e Sean McDonnell, capitán do equipo e embaixador do proxecto.

Nesta segunda edición, o concurso consolídase como unha iniciativa que busca reforzar a relación entre deporte e educación e poñer en valor a capacidade da práctica deportiva para transmitir principios como o respecto, a igualdade, a inclusión, o esforzo, a cooperación, o compañeirismo e a superación persoal.

Durante a presentación, Diego Regueira agradeceu á Consellería de Educación e a Grupo Iberólica Renovables a súa implicación e colaboración para facer posible a iniciativa. O presidente do COB destacou a importancia de conectar deporte e educación, especialmente nas primeiras etapas da vida, e de aproveitar a capacidade do deporte para transmitir valores como o respecto e o traballo en equipo. Tamén puxo en valor a lectura e o papel dos deportistas como referentes para os máis novos.

Pola súa banda, Sean McDonnell amosou a súa satisfacción por representar o equipo neste proxecto e animou o alumnado a participar. O capitán salientou o papel do deporte na formación das persoas, especialmente durante a infancia, e a importancia de promover valores que tamén son fundamentais fóra da pista.

En representación da Consellería, Judith Fernández destacou o interese dunha proposta que combina deporte e expresión artística e literaria. A directora xeral subliñou a importancia dunha educación integral que contemple diferentes ámbitos e contribuía a transmitir valores ás novas xeracións. Ademais, agradeceu ao COB a posta en marcha da iniciativa e animou os centros educativos da provincia a participar.

.

Tres categorías para participar cun debuxo ou un relato

O concurso está dirixido ao alumnado matriculado durante o curso 2026/2027 en centros educativos públicos, privados concertados ou privados da provincia de Ourense. Establécense tres categorías segundo a etapa educativa:

  • Educación Infantil: participación mediante un debuxo relacionado cos valores no deporte.
  • Educación Primaria: elaboración dun relato de ata 500 palabras.
  • Educación Secundaria Obrigatoria (ESO): elaboración dun relato de ata 1.000 palabras.

Os traballos deberán ser orixinais e inéditos. Os relatos deberán estar escritos en galego e non poderán ser creados mediante ferramentas de intelixencia artificial xerativa. No caso dos debuxos, empregaranse técnicas tradicionais, sen recursos dixitais, e cun tamaño máximo A4.

O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 30 de novembro de 2026. Os traballos poderán entregarse nas oficinas do Club Ourense Baloncesto, situadas no Pavillón Paco Paz (Finca Sevilla, 32005 Ourense), ou enviarse por correo electrónico a info@clubourensebaloncesto.com. A documentación deberá incluír o formulario de inscrición e, no caso das persoas menores de idade, a autorización da nai, pai ou representante legal.

Premios para as tres categorías

O certame contará con premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

Na categoría de Educación Infantil, o primeiro premio será un bono de 200 euros en La Librería e dous abonos do COB para a tempada 2026/2027. O segundo premio consistirá nun bono de 50 euros en La Librería e dous abonos, mentres que o terceiro será unha camiseta oficial do club e dous abonos.

Nas categorías de Educación Primaria e ESO, o primeiro premio será un bono de 200 euros en material deportivo e dous abonos do COB para a tempada 2026/2027. O segundo premio consistirá nun bono de 50 euros en La Librería e dous abonos, e o terceiro, nunha camiseta oficial do club e dous abonos.

A entrega dos premios está prevista durante o descanso do encontro que enfrontará o COB co Bueno Arenas Albacete Basket o vindeiro 19 de decembro.

O concurso conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e de Grupo Iberólica Renovables, nunha aposta por reforzar a conexión entre deporte, educación e transmisión de valores.

As bases completas e o formulario de inscrición están dispoñibles no seguinte documento:

Consulta as bases completas e descarga a ficha de inscrición (PDF)

Podes ver a rolda de prensa completa a continuación:

Photograph .