WhatsApp Image 2026-04-11 at 20.24.35

O Cloud.gal Ourense cae no Paco Paz ante o Grupo Alega Cantabria

O Cloud.gal Ourense non puido sumar no Paco Paz ante o Grupo Alega Cantabria nun encontro que comezou dominando con claridade, pero que se foi igualando co paso dos minutos ata caer do lado visitante. O menor acerto e a diferenza en situacións clave acabaron inclinando a balanza.

O inicio dos de Moncho López foi practicamente perfecto. Romaro abriu o marcador e, tras un tiro libre de Jurgens, Rafa entrou en calor cun par de triplas consecutivas que colocaban un 9-0 de saída. O equipo xogaba con ritmo, intensidade e acerto, e soubo manter a vantaxe pese á reacción visitante. Vrabac asumiu protagonismo cun 2+1 e outra canastra, mentres Gabe e, sobre todo, Okanu na pintura, ampliaban a renda ata o 22-11 co que se pechou o primeiro cuarto.

No segundo período, o Cloud.gal Ourense mantivo o control nos primeiros minutos. Isaac e Romaro continuaron sumando, e o equipo chegou a manexar diferenzas cómodas. Con todo, o Grupo Alega Cantabria foi pouco a pouco recurtando distancias, atopando mellores opcións ofensivas e aproveitando os erros locais. O parcial visitante nos últimos minutos do cuarto deixou o marcador nun 34-30 ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o encontro cambiou de dinámica. O conxunto cántabro conseguiu darlle a volta ao marcador e obrigou ao Cloud.gal Ourense a xogar a remolque. Rafa tentou soster ao equipo cun triple importante, mentres Romaro e Okanu seguían facendo dano preto do aro. Isaac e Martin Fernández tamén achegaron puntos para manter ao equipo con opcións, pero o rival mantivo o control e pechou o terceiro cuarto por diante (49-54).

No último período, o Cloud.gal Ourense tentou reaccionar empurrado polo Paco Paz. Un 2+1 de Okanu e un triple de Gabe devolveron a emoción ao encontro, e Sean e Rafa volveron aparecer desde o perímetro para manter viva a loita. O equipo tivo opcións ata o final, pero non conseguiu completar a remontada, nun partido no que tamén pesou a diferenza na liña de tiros libres (36 intentos visitantes por 20 dos locais).

Derrota nun partido no que o equipo comezou a gran nivel, pero no que non conseguiu manter a vantaxe para sumar diante da súa afección. Toca seguir traballando para recuperar sensacións e volver sumar no Paco Paz.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Fotografía.