WhatsApp Image 2026-02-05 at 17.39.46

Adin Vrabac, traballo e experiencia para o Cloud.gal Ourense Baloncesto

O Cloud.gal Ourense Baloncesto incorpora ao internacional bosnio Adin Vrabac (Saraxevo, 27 de xaneiro de 1994), xogador de 2,05 metros con experiencia en competicións europeas e na Liga Endesa.

Formado no OKK Spars Sarajevo, deu o salto moi novo ao baloncesto alemán e posteriormente ao KK Partizan de Belgrado. En 2017 formou parte do Iberostar Tenerife na ACB, integrando o equipo que conquistou a Copa Intercontinental FIBA. Ao longo da súa carreira competiu en diferentes ligas europeas, acumulando experiencia en contextos de esixencia competitiva.

No ámbito internacional, Vrabac foi campión do Europeo U18 División B (2012) e do Europeo U20 División B (2014), sendo incluído en ambos torneos no quinteto ideal. Debutou coa selección absoluta nas clasificacións para o EuroBasket 2013 e desde 2017 é capitán de Bosnia-Herzegovina, coa que disputou os EuroBasket de 2022 e 2025.

Polo seu perfil, trátase dun xogador exterior con tamaño, capaz de defender varias posicións e achegar intensidade, rebote e presenza física. Ao longo da súa traxectoria destacou polo seu traballo sen balón, capacidade para correr o campo e participar en situacións de xogo dinámico, aspectos que reforzan a estrutura defensiva e o equilibrio do equipo.

Coa súa incorporación, o Cloud.gal Ourense Baloncesto suma versatilidade e experiencia internacional para este tramo tan importante da tempada.

Benvido, Adin

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Fotografía.