WhatsApp Image 2026-02-11 at 22.13.23

O Cloud.gal Ourense cae en Cartagena tras un final de máxima tensión

O Cloud.gal Ourense regresou de baleiro da súa visita ao Grupo Caesa Seguros Cartagena nun encontro igualadísimo que se decidiu nos derradeiros segundos. O equipo competiu, tivo opción real de gañar e loitou ata o final, pero os pequenos detalles acabaron inclinando a balanza do lado local.

O partido comezou con vantaxe para os murcianos (4-0), mais o equipo reaccionou axiña da man de Rafa, que asumiu responsabilidade ofensiva desde o inicio. Gabe tamén entrou en ritmo cun triple que axustaba o marcador e Vrabac deu a primeira vantaxe aos nosos mediado o cuarto. O intercambio foi constante, con Sean e Okanu achegando puntos importantes para manter a igualdade. Ao remate do primeiro período, o 18-19 deixaba claro que sería unha batalla longa.

No segundo cuarto, Gabe quentou a man desde o perímetro e converteuse nun dos referentes ofensivos, ben secundado por Vrabac, que castigou desde o exterior. Romaro impúxose preto do aro e o equipo chegou a gozar de pequenas vantaxes. O ritmo anotador foi alto, con alternativas continuas no marcador. Con todo, un arreón final do conxunto local permitiulles marchar aos vestiarios cun 41-37 que obrigaba a remar na segunda metade.

Tras o descanso, o encontro mantivo a intensidade. Kentwan apareceu con puntos importantes, Rafa seguiu sumando desde media e longa distancia e Okanu fixo dano na pintura. Iglesias achegou equilibrio e o equipo mantívose sempre a unha distancia asumible. O terceiro cuarto pechouse cun 68-65 que deixaba todo aberto para os dez minutos decisivos.

No último período, Cartagena tentou romper o partido, pero o Cloud.gal Ourense non se soltou. Gabe, Gill e Isaac mantiveron vivo ao equipo, que foi recurtando diferenzas ata entrar no último minuto con opcións reais. Rafa sumou desde o tiro libre para poñer o 81-80 e, tras unha falta en ataque sinalada ao conxunto local a 17 segundos do final, os nosos tiveron balón para empatar ou gañar. Tempo morto e dous tiros libres para Rafa: anotou o primeiro, fallou o segundo, pero o rebote ofensivo devolveu a esperanza. Con apenas catro segundos por xogar, unha acción sinalada por pasos cortou a opción definitiva. Aínda quedou unha última defensa, mais o resultado xa non se moveu.

Fotografía.