O Cloud.gal Ourense quedou ás portas dunha nova remontada nun encontro moi igualado que se decidiu nos últimos segundos na pista do Inveready Gipuzkoa. O equipo reaccionou no tramo final, chegou a empatar o partido a falta de 23 segundos, pero unha última acción do conxunto local e o tiro final sen acerto deixaron a vitoria en San Sebastián.
O encontro comezou con bo ritmo para os nosos, cunha canastra inicial de Gabe que abriu o marcador. O primeiro cuarto estivo marcado pola igualdade e as alternancias, con Okanu, Vrabac e Martin Fernández sumando para manter o pulso anotador. O Gipuzkoa respondeu con acerto exterior e aproveitou pequenos desaxustes para manter o marcador axustado. Unha canastra de Martin Iglesias e un tiro libre de Rafa permitiron manter o equilibrio ata o final do período, que se pechou cun 20-19.

No segundo cuarto o ritmo anotador aumentou. O conxunto local atopou un bo momento ofensivo para abrir unha pequena fenda, pero o Cloud.gal Ourense respondeu coa produción de Rafa, Gabe e Sean, que mantiveron ao equipo dentro do partido. Romaro tamén apareceu na pintura con dúas accións consecutivas, mentres Seixas castigaba desde o perímetro para evitar que a diferenza medrase. O intercambio de golpes mantívose ata o descanso, ao que se chegou cun axustado 40-41.
Tras o paso polos vestiarios, o Inveready Gipuzkoa conseguiu o seu mellor momento do partido. O equipo vasco elevou o nivel defensivo e encadeou un parcial que lle permitiu abrir vantaxe no marcador. A pesar dos puntos de Gabe, Isaac e Vrabac, o Cloud.gal Ourense tivo dificultades para frear o ritmo local e o terceiro cuarto rematou cun 63-56 que obrigaba a remar nos dez minutos finais.

No último período chegou a reacción. Gabe liderou a remontada con varios tiros importantes, mentres Isaac, Sean e Martin Fernández achegaban puntos clave para ir reducindo diferenzas. O equipo foi recurtando pouco a pouco ata entrar nos últimos segundos cun marcador aberto. A falta de 23 segundos, Martin Iglesias igualou o encontro (79-79) tras unha gran acción interior. Porén, na seguinte posesión o Gipuzkoa atopou unha canastra a falta de catro segundos que devolvía a vantaxe aos locais. O Cloud.gal Ourense dispuxo dunha última oportunidade tras o tempo morto de Moncho López, pero o lanzamento final non atopou o acerto.
Derrota por mínimos nunha pista esixente, nun partido de máxima igualdade no que o Cloud.gal Ourense loitou ata o final e chegou a ter opción de levar o triunfo nun desenlace decidido por pequenos detalles.
Fotos: Oscar Araújo