O Aircargobooking Ourense e a Deputación de Ourense poñen en marcha catro proxectos innovadores

03 de Febrero del 2025
Comparte

O Aircargobooking Ourense, en colaboración coa Deputación de Ourense, vén de anunciar a posta en marcha de catro proxectos ambiciosos que buscan fomentar a inclusión social e a integración a través do deporte. Estas iniciativas están deseñadas para achegar o baloncesto a colectivos que tradicionalmente non teñen doado o acceso a este tipo de actividades.

Proxecto 1: Clases de baloncesto no Centro Penal do Pereiro

Nun esforzo por promover a reinserción social, O Aircargobooking Ourense impartirá clases de baloncesto para os reclusos do Centro Penal do Pereiro. As sesións terán unha frecuencia semanal e unha duración de unha hora, co obxectivo de mellorar a condición física, fomentar o traballo en equipo e proporcionar unha actividade saudable e motivadora dentro do centro.

Proxecto 2: Clases de baloncesto nos centros de menores de Ourense

Os menores residentes nos centros de Montealegre, Monteledo e Montefiz tamén se beneficiarán deste programa, que lles permitirá gozar dunha sesión semanal de baloncesto dunha hora de duración. O obxectivo é ofrecerlles unha vía de aprendizaxe, disciplina e entretemento, axudando á súa formación integral e mellorando a súa autoestima a través do deporte.

Proxecto 3: Clases de baloncesto para persoas con diversidade funcional

O terceiro proxecto está dirixido a persoas con diversidade funcional, ofrecéndolles clases de baloncesto unha vez por semana cunha duración dunha hora. Esta iniciativa busca facilitar a súa inclusión no deporte, adaptando as actividades ás súa necesidades específicas e fomentando a súa participación activa.

Proxecto 4: Escola aberta de baloncesto

O cuarto proxecto ten como destinatarios a todos os colectivos. A actividade desenvolverase unha vez por semana durante unha hora, promovendo a igualdade de oportunidades no acceso ao deporte.

Estes catro proxectos estarán arroupados polo primeiro equipo do Aircargobooking Ourense, así como por todo o Staff técnico, que participarán activamente asistindo puntualmente a adestramentos e partidos.

Ademais o Aircargobooking Ourense e a Deputación de Ourense anunciaron a adaptación do Pazo dos Deportes Paco Paz para facelo accesible a tódosos colectivos, incluídas persoas cegas, xordas ou con Trastorno do Espectro Autista (TEA), garantindo un espazo inclusivo para a práctica deportiva. Con esta iniciativa, o Aircargobooking Ourense convértese, probablemente, no único equipo profesional de toda España que ten o pavillón 100% adaptado a estas necesidades, sendo pioneiro na inclusión e accesibilidade no deporte.

A iniciativa reflicte o compromiso de ambas entidades coa inclusión social e o deporte como elemento de cohesión. A posta en marcha destes programas representa un paso adiante na construción dunha sociedade máis igualitaria e con maiores oportunidades para todos.

Queremos agradecer ás seguintes Asociacións o seu apoio e axuda nestes proxectos: ONCE Ourense, ASPANAS, As Burgas, ADO, AIXIÑA, Cruz Vermella, Provivenda, Residencia Os Milagros, APSOU, Trascos, Meniños, Fundación Secretariado Xitano, Fundación Diagrama (Centro de menores Montealegre), Asociación Ginso (centro de menores Monteledo e Montefiz) e Cáritas Ourense.

Podes ver a rolda de prensa completa a continuación.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar