Vitoria clave ante Super Agropal Palencia cun Pazo entregado

24 de Abril del 2025
Comparte

O Aircargobooking Ourense asinou esta fin de semana unha das vitorias máis importantes da tempada ante o potente Super Agropal Palencia. Un triunfo que non só fala do bo xogo do equipo, senón tamén do corazón e da alma dun vestiario que, a pesar das baixas, loitou ata o final para acadar a permanencia. O Pazo, coma sempre, xogou o seu propio partido dende a bancada, converténdose no sexto xogador. O equiPAZO máis presente ca nunca.

O encontro arrincou cun Ourense desatado. Coa intensidade ao máximo e unha ofensiva fluída, os nosos xogadores marcaron o ritmo dende o minuto un. A defensa fixo estragos no ataque visitante, mentres que no aro contrario, a efectividade foi máxima. Un parcial de 30-17 deixaba clara a mensaxe: non se ía regalar nada.

O segundo período trouxo a esperada reacción do Super Agropal Palencia, que subiu o nivel defensivo e atopou mellores opcións en ataque. A pesar do empurre visitante, o Aircargobooking mantívose firme, evitando que se consumase a remontada. Ao descanso, a renda era de só tres puntos, pero o equipo mantiña o control emocional do partido.

Tras o paso polos vestiarios, a intensidade non baixou. Ambos equipos ofreceron un cuarto de alto nivel, con alternancia no marcador e moita tensión. Super Agropal Palencia empataba o partido mediado o cuarto pero os de Moncho López non baixaron os brazos e continuaron pelexando cada balón para manter o partido baixo control xestionando os tempos do partido cun traballo coral. A bancada, entregada, xogaba cada posesión co equipo.

Nos dez minutos finais apareceu o carácter. O Aircargobooking Ourense sacou forzas de onde non había e, cunha defensa sólida e decisión nos momentos clave, sentenciou o encontro. Xogando os últimos minutos con madurez e sen precipitarse, xestionando a vantaxe acadada e desesperando ao conxunto palentino que vía que o partido se lles escapaba ante un equipo que foi superior durante os 40 minutos. A diferenza final de dez puntos reflicte o esforzo duns xogadores que nunca deixaron de crer. O Pazo estourou nunha celebración merecida: estamos salvados.

Agora toca preparar o importante partido deste sábado ante Alega Cantabria, porque sí, dependemos de nós mesmos para que este soño non remate aquí. A ilusión polos playoffs está viva, e con este equipo e esta afección... con este equiPAZO, todo é posible.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar