O Aircargobooking Ourense segue soñando co play-off tras vencer ao UEMC Real Valladolid

03 de Mayo del 2025
Comparte

O Paco Paz viviu esta noite unha nova festa do baloncesto cunha vitoria clave do Aircargobooking Ourense ante o UEMC Real Valladolid por 95-84. Un triunfo fundamental que mantén vivas as opcións do equipo de meterse nos play-offs de ascenso, que se xogarán na última xornada da liga ante o Inveready Gipuzkoa.

O encontro comezou de maneira espectacular para os nosos, cun parcial inicial de 10-0 que puxo en pé á bancada. Porén, o Valladolid foi entrando pouco a pouco no partido, aproveitando algúns erros ofensivos e unha mellor selección de tiro para igualar forzas. O primeiro cuarto rematou cun axustado 22-23, deixando claro que ía ser un duelo esixente.

No segundo cuarto chegou o golpe sobre a mesa do Aircargobooking Ourense. Cun bo xogo, intensidade defensiva e moita claridade nas transicións ofensivas, os locais asinaron un parcial de 28-16 que lles permitiu marchar ao descanso con 11 puntos de vantaxe. A dirección dende o banquiño, a implicación de todo o cadro e o acerto foron claves para abrir fenda no marcador.

Na reanudación, o equipo soubo xestionar moi ben a vantaxe. O terceiro cuarto estivo marcado pola solidez defensiva e o control do rebote, impedindo que Valladolid atopase opcións claras para achegarse. Os nosos mantiveron o ritmo alto e seguiron atopando boas opcións en ataque, sumando con regularidade. O parcial de 22-18 reforzou a sensación de dominio e madurez do equipo, que soubo responder a cada intento de reacción visitante.

No último cuarto, o Valladolid arriscou máis, buscando reducir a diferenza e volver meterse no partido. Con todo, o Aircargobooking Ourense mostrou unha gran madurez competitiva: cada vez que os visitantes ameazaban con achegarse, apareceu unha boa defensa, un rebote clave ou unha canastra decisiva para manter a distancia. A pesar do parcial en contra (23-27), a vitoria nunca estivo realmente en perigo e os nosos souberon controlar os tempos do encontro ata o bucinazo final.

A falta dunha xornada, o soño do play-off segue máis vivo ca nunca. A final será a vindeira semana, nun auténtico duelo directo ante o Inveready Gipuzkoa.

Desde o club queremos agradecer de corazón á nosa afección, que unha vez máis respondeu e empuxou ao equipo en todo momento. O Paco Paz foi un fortín grazas a vós.

Agora, todo se decide na última batalla. Imos con todo!

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Fotos: Carlos Domarco

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar