Derbi galego no Paco Paz entre o Cloud.gal Ourense Baloncesto e o Monbus Obradoiro

A Primeira FEB vive este sábado unha das citas máis especiais da tempada. O Cloud.gal Ourense Baloncesto recibe ao Monbus Obradoiro no Pazo dos Deportes Paco Paz, a partir das 19:00 horas, nun novo derbi galego que promete intensidade, emoción e un ambiente á altura da ocasión.
O COB afronta o encontro coa máxima ambición, consciente da esixencia que supón un partido deste nivel e da importancia de competir con identidade diante da súa afección.
O Paco Paz volverá xogar un papel determinante. A resposta da bancada será clave nun derbi no que cada detalle conta, e no que o apoio constante dende as gradas pode marcar o ritmo do partido. A implicación da afección, empurrando dende o inicio e acompañando ao equipo en cada momento, será un factor diferencial nun encontro de máxima esixencia.
En fronte estará un Monbus Obradoiro nun gran momento competitivo, cun bloque sólido e regular que chega a Ourense como un dos equipos máis en forma da competición. Un rival de entidade que obrigará ao Cloud.gal Ourense Baloncesto a manter a concentración, a intensidade e o compromiso colectivo durante os corenta minutos.
O derbi preséntase como unha oportunidade para ofrecer unha resposta firme, competir ao máximo nivel e vivir unha tarde grande de baloncesto no Paco Paz.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS








