WhatsApp Image 2026-09-11 at 16.41.34

Moncho López: “Xogar contra un equipo da nosa mesma categoría achégase máis á realidade que teremos despois”

O Club Ourense Baloncesto afronta o seu terceiro encontro de pretempada, unha nova oportunidade para seguir avanzando na preparación e, especialmente, para que as novas incorporacións continúen interiorizando os conceptos e o modelo de xogo do equipo.

“É o terceiro partido para o grupo, pero non para todos os xogadores”, explica Moncho López, que destaca a importancia de comprobar a evolución daqueles xogadores que xa tiveron minutos nos primeiros encontros e, ao mesmo tempo, continuar coa integración dos novos membros do cadro.

O encontro servirá tamén para seguir avaliando o estado físico de xogadores que regresan de lesión, como Marc García, que poderá dispoñer de novos minutos despois dunha semana na que xa puido adestrar co grupo, aínda que con algunhas limitacións e precaucións.

“Zamora é un bo equipo. É un equipo que defende moi ben, ten un dos ritmos de xogo máis altos da liga e unha plantilla bastante renovada, con xogadores moi interesantes e moita capacidade física”, sinala.

Para o adestrador, enfrontarse a un rival da mesma categoría permite obter unha referencia máis próxima ao que o equipo atopará durante a competición. “Xogar contra un equipo da túa mesma categoría gústanos máis, honestamente. Eu prefiro, porque o consideras a realidade do que vas ter despois”, apunta.

Un dos principais obxectivos do encontro será comprobar como os novos xogadores continúan adaptándose ás ideas do equipo. Moncho López recoñece que serán eles aos que observará “con máis lupa”, non desde a esixencia do resultado, senón coa intención de detectar que aspectos deben seguir mellorando.

“É un partido de adestramento que é un test, mirando con lupa aos novos para detectar como están aprendendo o sistema, que podemos mellorar e como lles podemos axudar”, explica.

A pesar de tratarse dun encontro de pretempada, a proximidade dun rival da mesma categoría introduce un compoñente competitivo diferente. “Agora obviamente a Zamora querémolo gañar, aínda que non é o máis importante”, recoñece Moncho López.

O obxectivo será competir e buscar a vitoria, pero sempre dentro da planificación prevista para estas semanas. “Loitaremos pola vitoria sen hipotecar a preparación”, afirma o técnico, que non contempla cargar de minutos aos xogadores nin penalizar os erros propios dun momento no que o equipo aínda está en construción.

O encontro preséntase así como un novo paso no camiño do COB cara ao inicio da competición: un partido para competir, pero, sobre todo, para seguir aprendendo, probar, corrixir e avanzar na construción dun equipo que aínda ten moito percorrido por diante.

Fotografía .