O Club Ourense Baloncesto afronta este sábado a quinta xornada da Primeira FEB cun desprazamento ó Pavillón Municipal de Deportes de Palencia, onde se medirá ó Iberolea Palencia a partir das 19:00 horas. Os de Moncho López buscarán volver á senda da vitoria nunha semana con tres partidos en oito días e dous desprazamentos.
O calendario esixente chega, ademais, nun momento no que os problemas físicos seguen condicionando o traballo do equipo. Marc García será baixa segura, mentres que Valentino Pinedo viaxa coa expedición, pero a súa participación dependerá da súa evolución. Jan Zidek e Martín Fernández tamén arrastran molestias musculares. A nota positiva é a recuperación de Javi Nicolau, que regresa á dinámica do grupo e comeza a gañar ritmo competitivo tras varias semanas de ausencia.
En fronte, o Iberolea Palencia presenta un equipo intenso e agresivo nos contactos, capaz de levar os partidos a un alto nivel de esixencia física. É, ademais, o conxunto que máis tiros libres lanza na competición e conta cun amplo repertorio táctico, tanto no bloqueo directo como nas accións sen balón, que lle permite xerar numerosas situacións de anotación.
Para o COB, unha das claves estará en igualar ese nivel de intensidade e manter a concentración durante os corenta minutos. A xestión das rotacións será especialmente importante polas limitacións físicas que arrastra o equipo, que deberá competir con continuidade para chegar con opcións ós instantes decisivos.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación: