WhatsApp Image 2026-04-21 at 22.57.24 (1)

O Cloud.gal Ourense cae no Paco Paz ante o Super Agropal Palencia

O Cloud.gal Ourense non puido sumar no Paco Paz ante o Super Agropal Palencia nun encontro no que foi a remolque durante boa parte do partido, pero no que chegou con opcións reais ata os últimos segundos grazas a un gran esforzo colectivo.

O inicio non foi favorable para os de Moncho López. Tras un bo comezo con Rafa e Adin poñendo o 5-0, o conxunto visitante respondeu cun parcial que lle permitiu tomar o control do marcador. Okanu e Martin Fernández trataron de soster ao equipo, mentres Adin pechaba o primeiro cuarto cun triple que deixaba o 16-23.

No segundo período, o Super Agropal Palencia ampliou a súa vantaxe nos primeiros minutos, obrigando ao Cloud.gal Ourense a remar. Romaro, Carlos e Sean foron clave para manter ao equipo dentro do partido, mentres Rafa e Isaac tamén sumaban para recurtar diferenzas. O equipo foi mellorando co paso dos minutos e conseguiu achegarse no marcador antes do descanso, ao que se chegou cun 42-45.

Tras o paso polos vestiarios, o encontro mantivo unha dinámica similar, co conxunto visitante levando a iniciativa e o Cloud.gal Ourense tentando responder. Rafa asumiu protagonismo ofensivo, ben acompañado por Okanu, Sean e Carlos, mentres Isaac tamén aportaba desde o perímetro. A pesar dos intentos, o Super Agropal Palencia conseguiu manter a vantaxe ao final do terceiro cuarto (63-79).

No último período chegou a reacción do Cloud.gal Ourense. Empurrado polo Paco Paz, o equipo foi recurtando diferenzas pouco a pouco con puntos de Rafa, Sean e Isaac, que lideraron o ataque nos minutos finais. A intensidade defensiva subiu e o equipo conseguiu poñerse a só dous puntos (90-92) a falta de segundos, chegando a ter opcións reais de forzar a prórroga ou mesmo levar o partido.

Finalmente, o Super Agropal Palencia soubo xestionar os últimos instantes e pechou o encontro desde a liña de tiros libres (90-93), deixando ao Cloud.gal Ourense sen premio tras un gran esforzo final.

No plano individual, destacou o completo partido de Sean McDonnell, achegando 18 puntos, 11 rebotes e 7 asistencias para un total de 35 de valoración, sendo unha peza clave no intento de remontada.

Derrota nun encontro no que o equipo non deixou de crer en ningún momento e que se decidiu por pequenos detalles nos instantes finais.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Fotografía .