0Z6A1697

O Club Ourense Baloncesto asalta o Jose Antonio Gasca e suma a segunda vitoria da tempada

O Club Ourense Baloncesto sumou a súa segunda vitoria na Primeira FEB tras impoñerse por 86-90 ao Inveready Gipuzkoa no pavillón Jose Antonio Gasca, nun encontro no que os de Moncho López souberon reaccionar a un mal inicio, tomar o control do marcador e resistir o empuxe local nos minutos finais.

O partido comezou cun Gipuzkoa máis acertado, que aproveitou as primeiras posesións para abrir diferenzas no marcador. A pesar dos puntos de Zidek e Oroz, o conxunto local chegou a acadar unha vantaxe de nove puntos e pechou o primeiro cuarto cun 29-20.

No segundo período, o COB deu un paso adiante. Martín Fernández, Russell e Sean McDonnell lideraron a reacción ourensá, cun maior acerto ofensivo e unha mellora na intensidade defensiva. O conxunto de Moncho López foi recortando distancias ata darlle a volta ao marcador. Un triplo de McDonnell e unha canastra marca da casa de Martín Fernández situaron os ourensáns por diante, antes de que o propio Fernández anotase un espectacular triplo sobre a bucina para marchar aos vestiarios cunha vantaxe de cinco puntos (45-50).

Tras o descanso, o COB mantivo a iniciativa. Martín Fernández e Sean McDonnell ampliaron a vantaxe nos primeiros compases do terceiro cuarto, e Russell e Leimanis contribuíron a manter os ourensáns por diante. Gipuzkoa reaccionou e chegou a igualar o encontro a 52, pero o conxunto de Moncho López volveu coller o mando. Russell, cun novo triplo, e Seixas, desde a liña de tiros libres e posteriormente cun triplo, permitiron ao COB pechar o período por diante (66-70).

No último cuarto, o COB mantivo o control do encontro e ampliou a súa vantaxe ata os once puntos (66-77). O conxunto ourensán seguiu marcando o ritmo e chegou a gozar dunha renda máxima de 14 puntos. Nos minutos finais, o Gipuzkoa cambiou o seu sistema o que lle permitiu reducir diferenzas e apertar o marcador. Malia a reacción local, a vantaxe construída polo COB durante o encontro resultou decisiva para asegurar o triunfo por 86-90.

Con este triunfo por 86-90, o Club Ourense Baloncesto regresa de San Sebastián cunha nova vitoria e confirma o seu bo inicio de competición, sumando dous triunfos nas dúas primeiras xornadas da Primeira FEB.

A próxima cita do Club Ourense Baloncesto será este sábado ás 19:00 horas no Pazo dos Deportes Paco Paz, onde recibirá ao Grupo Alega Cantabria na terceira xornada da Primeira FEB, coa intención de prolongar o seu bo inicio de tempada.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Fotografía .