WhatsApp Image 2026-06-09 at 14.24.06

Presentación da Grada Pertenza, unha nova iniciativa para seguir fortalecendo a unión entre o COB e a súa afección.

O Pavillón dos Remedios acolleu este martes a presentación da Grada Pertenza, unha nova iniciativa impulsada polo Club Ourense Baloncesto en colaboración con A Voz do Pazo, que nace co obxectivo de seguir fortalecendo o vínculo entre o equipo e a súa afección.

No acto participaron Moncho López, adestrador do primeiro equipo; Martín Iglesias, xogador do COB; e os representantes de A Voz do Pazo, Rubén e Antía, que explicaron os detalles dun proxecto pensado para reforzar a identidade, o sentimento de pertenza e o apoio ao equipo durante toda a tempada.

A Grada Pertenza busca converterse nun espazo de referencia para todos aqueles afeccionados que viven o baloncesto con paixón e que queren contribuír a crear un ambiente único no Pazo dos Deportes Paco Paz. A iniciativa pretende fomentar a participación activa da bancada, impulsar novas accións de animación e seguir construíndo unha conexión cada vez máis forte entre o club e a súa xente.

A nova grada estará aberta a todos os afeccionados do Club Ourense Baloncesto, independentemente de que formen parte dunha peña organizada, acudan aos partidos pola súa conta ou o fagan acompañados dun grupo de amigos. O obxectivo é reunir nun mesmo espazo a todos aqueles que queiran animar ao equipo e contribuír a crear un ambiente especial en cada encontro.

Ademais, a Grada Pertenza contará con condicións e prezos especiais que serán anunciados nas próximas datas, coincidindo co avance da campaña de abonados para a tempada 2026/27.

Durante a presentación, os participantes destacaron a importancia da afección no crecemento do Club Ourense Baloncesto e a necesidade de continuar traballando de forma conxunta para facer do Paco Paz unha das pistas máis especiais da categoría.

Desde o Club Ourense Baloncesto queremos agradecer a implicación de A Voz do Pazo e de todos os afeccionados que, co seu apoio incondicional, fan posible que o sentimento COB siga medrando cada día.

Podes ver a rolda de prensa a continuación:

Fotografía .