O Club Ourense Baloncesto presentou este martes a Sesan Russell como novo xogador do equipo para esta tempada, nun acto celebrado nas instalacións de Neumáticos Orentino, que se incorpora ao proxecto como novo patrocinador e padrino do xogador.
Neumáticos Orentino é unha empresa familiar fundada en 1978, con 48 anos de traxectoria, especializada na venda e reparación de pneumáticos novos e de segunda man, así como no arranxo de picadas. A empresa ourensá, situada na Avenida de Zamora, aposta así polo baloncesto e polo proxecto do Club Ourense Baloncesto.
Durante a presentación, o adestrador Moncho López destacou o perfil de Sesan Russell, un xogador que chega ao COB procedente do Amics Castelló, de Segunda FEB, competición na que tivo un destacado rendemento tanto a nivel individual como colectivo.
“Sesan é un xogador que xa coñece o baloncesto español e que competiu nas ligas FEB cun gran rendemento. Buscabamos un perfil capaz de xogar nas posicións de base e escolta, que achegase velocidade no transporte do balón, capacidade de anotación e creatividade”, explicou Moncho López.

O técnico ourensán sinalou tamén a versatilidade do novo xogador do COB: “Pode facer tres posicións no perímetro. É un xogador forte fisicamente, con capacidade defensiva e sólido no rebote defensivo. Cada vez se achega máis á posición de base e queremos que sexa para nós un auténtico combo guard, capaz de xogar con naturalidade ao lado dos diferentes exteriores do equipo”.
Pola súa banda, Sesan Russell amosouse moi ilusionado coa súa chegada ao Club Ourense Baloncesto: “Son Sesan Russell, de Londres, Inglaterra. Estou moi ilusionado por unirme a este equipo e a este proxecto. Creo que o equipo vai na dirección correcta e estou moi contento de estar aquí”.
O novo xogador do COB tamén falou sobre o traballo con Moncho López e sobre as súas primeiras semanas como xogador ourensán. “Sabía que era un adestrador moi esixente e un dos mellores de España, polo que non esperaba outra cousa. Estou feliz de estar aquí, escoitando, aprendendo e traballando. Se me pide que o faga outra vez, volvo facelo e intento atopar unha solución”, explicou.
Sobre o apoio da afección, Russell recoñeceu que aínda está a descubrir o ambiente do baloncesto galego, pero mostrouse convencido da vontade do equipo de ofrecer un baloncesto atractivo: “Galicia é unha rexión rica en baloncesto. Sabemos que á xente lle gusta este deporte e esperamos que veña apoiarnos. Unha cousa que podo asegurar é que imos intentar ofrecer un baloncesto emocionante que permita unir os nosos afeccionados e a comunidade”.
Desde o COB queremos agradecer a Neumáticos Orentino a súa confianza e o seu apoio ao proxecto, así como desexarlle a Sesan Russell a mellor das sortes nesta nova etapa defendendo a camisola do Club Ourense Baloncesto.