WhatsApp Image 2026-09-14 at 17.25.32

Bicicletas Dacunha Moure, novo patrocinador e padriño de Xabi Oroz

O Club Ourense Baloncesto presentou oficialmente a Xabi Oroz como novo xogador do equipo nun acto celebrado nas instalacións de Bicicletas Dacunha Moure, que se incorpora ao proxecto do COB como novo patrocinador e, ademais, como padriño do xogador vasco.

O acto contou coa presenza de Xabi Oroz, do adestrador Moncho López e do representante de Bicicletas Dacunha Moure, nun encontro que simboliza a unión entre o club, o patrocinador e o novo xogador.

Oroz chega ao Club Ourense Baloncesto tras varias tempadas destacadas na categoría e cun perfil que encaixa perfectamente na idea de equipo que pretende construír Moncho López.

O técnico do COB destacou durante a presentación a súa intelixencia táctica, versatilidade, compromiso e capacidade para facer mellores aos seus compañeiros.

“É un xogador moi desexado por nós. Ten experiencia, resultados e unha mentalidade moi altruísta. É capaz de facer moitas cousas dentro da nosa maneira de xogar e, sobre todo, é un xogador que fai mellores aos demais”, explicou Moncho López.

O adestrador tamén puxo en valor o seu traballo defensivo e a súa capacidade para competir en cada posesión, cualidades que considera fundamentais para o proxecto do COB.

Pola súa banda, Xabi Oroz mostrouse moi satisfeito coa súa chegada a Ourense e agradeceu a confianza recibida desde o primeiro momento.

“Estou moi contento de como me estou adaptando ao corpo técnico, á directiva e á cidade. Desde que terminou o meu contrato sentín o interese que tiñan por min e intentarei devolver esa confianza con traballo, esforzo e resultados”, sinalou.

O xogador tamén destacou a ilusión polo novo proxecto: “Creo que temos un equipo moi competitivo, con moita garra e corazón para loitar todos os partidos”.

A gran novidade do acto foi a presentación de Bicicletas Dacunha Moure como novo patrocinador do Club Ourense Baloncesto e padrino de Xabi Oroz.

Esta colaboración supón un novo vínculo entre a entidade ourensá e unha empresa referente no ámbito do ciclismo, reforzando a aposta de ambas as partes polos valores do deporte, o esforzo e o compromiso coa sociedade local.

Ademais, o acto permitiu coñecer as novas instalacións de Bicicletas Dacunha Moure, tras a ampliación do establecemento, que conta agora cun espazo máis amplo e un taller renovado.

Oroz, pola súa banda, quere responder a esta confianza desde a pista, co traballo e o compromiso que o caracterizan.

“Oxalá a afección se achegue e poida estar con nós. Necesitamos o seu cariño e queremos sentirnos preto dela. Nós tamén faremos un esforzo para achegarnos a eles e que se sintan identificados coa garra e o esforzo que imos demostrar”, afirmou o novo xogador do COB.

Desde o Club Ourense Baloncesto queremos agradecer a Bicicletas Dacunha Moure a súa confianza e, especialmente, a súa aposta por acompañar a Xabi Oroz nesta nova etapa como o seu padrino.

Benvido, Xabi. Benvida, Bicicletas Dacunha Moure. Un novo camiño que comezamos xuntos.

Fotografía .