NUNO MANARTE

Nuno Manarte incorpórase ao corpo técnico do Club Ourense Baloncesto como adestrador axudante

O Club Ourense Baloncesto continúa perfilando o seu proxecto deportivo para a tempada 2026/27 coa incorporación de Nuno Manarte como novo adestrador axudante do primeiro equipo.

O técnico portugués chega ao COB avalado por unha ampla traxectoria nos bancos do baloncesto luso e por unha destacada experiencia internacional, tanto a nivel de clubs como de seleccións nacionais.

Manarte iniciou a súa carreira profesional na Ovarense, onde exerceu como adestrador axudante durante catro tempadas antes de asumir o cargo de primeiro adestrador, función que desempeñou durante cinco campañas consecutivas na máxima categoría portuguesa. Posteriormente dirixiu ao Illiabum e formou parte do corpo técnico do Sporting Clube de Portugal, un dos clubs máis importantes do país, co que conquistou a Supertaça de Portugal e a Taça Hugo dos Santos.

Na tempada 2024/25 regresou aos bancos como primeiro adestrador do Galomar, mentres que no curso 2025/26 viviu a súa primeira experiencia no baloncesto español formando parte do corpo técnico do CB Cartagena na Primeira FEB, acompañando a Félix Alonso.

Un dos aspectos máis destacados da súa carreira é a súa vinculación coa selección nacional de Portugal. Nuno Manarte leva formando parte do staff técnico da selección absoluta masculina como adestrador axudante desde 2017, participando en importantes competicións internacionais e contribuíndo á clasificación e participación de Portugal no EuroBasket 2025.

Coa súa chegada, o Club Ourense Baloncesto incorpora un profesional cun profundo coñecemento do xogo, experiencia ao máximo nivel e unha sólida traxectoria internacional que reforzará o traballo diario do primeiro equipo.

Benvido ao Pazo, Nuno!

Volveremos e ti xa estabas

Photograph .