O Cloud.gal Ourense non puido sumar no derbi ante o Monbus Obradoiro nun encontro que quedou condicionado desde os primeiros minutos. O conxunto local marcou o ritmo desde o inicio e o equipo non conseguiu atopar resposta nun partido no que foi sempre a remolque.
A saída do Obradoiro foi moi contundente, cun parcial de 12-0 que obrigou ao Cloud.gal Ourense a remar desde o primeiro momento. Sean rompeu a seca cun triple, e Adin e Martin Fernández comezaron a sumar para tratar de recurtar diferenzas. Romaro e Okanu tamén achegaron na pintura, pero o acerto local mantivo a distancia ao final do primeiro cuarto (25-12).
No segundo período, o encontro seguiu unha dinámica similar. Isaac e Okanu intentaron dar continuidade ao ataque, mentres Sean e Sergi tamén sumaban, pero o Monbus Obradoiro mostrouse moi sólido en ambos lados da pista e foi ampliando a vantaxe ata chegar ao descanso cun 49-21.

Tras o paso polos vestiarios, o Cloud.gal Ourense mellorou as súas prestacións ofensivas. Rafa, Sean e Martin Fernández asumiron protagonismo, con boas accións tamén de Romaro e Okanu, que permitiron sumar con máis regularidade. Con todo, o conxunto local mantivo o control do encontro e non permitiu reducir de maneira significativa a diferenza (70-44).
Nos últimos dez minutos, o equipo seguiu competindo e non baixou os brazos. Seixas, Isaac e Martin Fernández continuaron anotando, e Rafa tamén sumou, pero a renda era xa moi ampla e o Monbus Obradoiro controlou o tramo final ata o 94-57 definitivo.
Derrota ante un rival que demostrou o seu gran momento de forma e a súa condición de líder da categoría, nun partido no que o Cloud.gal Ourense non puido atopar o seu ritmo desde o inicio. Toca seguir traballando para recuperar sensacións e volver competir ao máximo nivel.
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS