DSC03582

O Club Ourense Baloncesto sumou este domingo un triunfo de prestixio a domicilio tras superar o Movistar Estudiantes no Movistar Arena por 64-65. Os de Moncho López sostivéronse a partir dunha sólida proposta defensiva, o control do ritmo de xogo e o acerto nos instantes finais para selar unha vitoria traballada ata o último segundo.

O choque arrincou cun COB moi serio que soubo castigar as primeiras accións locais. Unha xogada de 2+1 de Martín Fernández abriu o marcador para os visitantes, que aproveitaron o acerto de Jan Zidek, Toms Leimanis e Xabi Oroz para mandar no electrónico (6-11). O Movistar Estudiantes reaccionou cun parcial de 10-0 que obrigou a Moncho López a deter o partido co 16-11, pero dous tiros libres de Pinedo axustaron o marcador ao peche do primeiro cuarto (16-13).

No segundo acto, o conxunto madrileño tratou de romper o encontro cunha saída forte que estendeu a súa renda ata os oito puntos (24-16), sostido no bando ourensán polo acerto exterior de Ses Russell. A resposta do COB chegou dende a defensa e a intensidade de Martín Iglesias e Sean McDonnell. Un parcial de 2-15, culminado cun roubo e 2+1 de Iglesias, o tiro libre da técnica a Silverio e unha nova canastra do propio Iglesias, devolveu o mando aos visitantes (26-31) e forzou dous tempos mortos de Toni Ten. Os ourensáns mantiveron a dianteira ata o descanso cunha mínima vantaxe (31-33).

Tras o paso polos vestiarios, un roubo e canastra de Marc García na primeira posesión marcou o camiño para o cadro galego. A pesar da igualdade e do pulo local, o COB atopou solucións ofensivas na dirección de xogo e no acerto exterior: unha tripla de Leimanis, unha acción de 3+1 de Marc García e o traballo interior de Javi Nicolau permitiron aos visitantes abrir unha pequena fenda (42-50). O Movistar Estudiantes apertou de novo no treito final do cuarto, pero unha tripla sobre a bucina de Sean McDonnell deixou o 47-53 antes do período definitivo.

No último cuarto, o equipo madrileño logrou igualar a contenda (55-55) tras aproveitar o seu dominio no rebote ofensivo. Con todo, o COB non perdeu a calma. Un parcial de 0-8, con accións de McDonnell, Zidek e Oroz, volveu poñer terra polo medio (55-63) a menos de catro minutos para o final. Os locais apertaron o marcador ata o 63-65 a falta de 16 segundos e, tras anotar un tiro libre e capturar o rebote do segundo lanzamento, dispuxeron da última posesión para darlle a volta ao partido. Foi entón cando emerxeu o carácter dun equipo que non se engurrou nun dos escenarios máis esixentes da competición: cunha defensa final monumental, os ourensáns pecharon todos os camiños ao aro e certificaron un triunfo de enorme mérito (64-65) na pista dun dos grandes candidatos da liga.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Fotos: Movistar Estudiantes

Photograph .