DSC_2503

O Club Ourense Baloncesto asinou unha sólida vitoria ante o Insolac Caja 87 por 87-74 no Pazo dos Deportes Paco Paz. Os de Moncho López levaron a iniciativa durante boa parte do encontro e construíron a súa vantaxe a partir dun segundo cuarto no que conseguiron abrir diferenzas. O equipo mantivo o control tras o descanso e soubo responder aos intentos de reacción do conxunto sevillano.

O partido comezou con igualdade no marcador. Martín Fernández asumiu protagonismo desde os primeiros minutos, mentres Toms Leimanis e Sean McDonnell tamén atoparon o aro. O COB foi alternando vantaxes co seu rival e, tras o triplo de Martín Fernández e outro de Sean, chegou a poñerse por diante. Pinedo e o propio Martín contribuíron a manter o pulso anotador, pero o Insolac Caja 87 conseguiu pechar o primeiro cuarto por diante (20-24).

No segundo período, Marc García abriu a anotación cun triplo e Javi Nicolau achegou novos puntos para manter o COB na loita. A aparición de Jan Zidek foi importante para cambiar a dinámica: primeiro cun triplo e despois cunha canastra que igualou o encontro a 30. A partir de aí, os ourensáns deron un paso adiante. Martín Fernández puxo por diante ao equipo e Seixas ampliou a diferenza desde a liña de tiros libres e cunha nova canastra. Sean McDonnell, cun gran triplo, elevou a renda ata o 39-32. O COB chegou ao descanso cunha vantaxe de oito puntos, despois de que Xabi Oroz pechase o cuarto con outro lanzamento desde o perímetro (43-35).

Tras o paso polos vestiarios, o COB continuou marcando o ritmo. Martín Fernández aproveitou un roubo de Sean McDonnell para anotar e ampliar a diferenza. O equipo atopou continuidade no xogo colectivo e foi sumando a través de Zidek, Leimanis e Nicolau. Este último protagonizou unha das accións da noite cun mate tras unha boa xogada colectiva culminada cun pase de Toms. O COB chegou a mandar por doce puntos e mantivo a distancia durante todo o período. Seixas e Xabi Oroz, cun triplo, elevaron a vantaxe ata o 64-51 ao remate do terceiro cuarto.

O último período comezou cun novo triplo de Xabi Oroz, que ampliou a diferenza ata os dezaseis puntos. Seixas e Iglesias sumaron para o COB, mentres o Caja 87 tentou achegarse no marcador. Moncho López pediu tempo morto para frear a reacción visitante, pero Oroz volveu aparecer desde o perímetro para dar tranquilidade ao equipo. O base ourensán seguiu sumando, primeiro cunha canastra de dous puntos e máis tarde cun novo triplo que situou o 83-69 no marcador a pouco máis dun minuto para o final. O COB xestionou os últimos ataques e pechou o encontro cunha vitoria por 87-74, con Martín Fernández poñendo os dous últimos puntos.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:

Photograph .