O Club Ourense Baloncesto presentou oficialmente a Cafetería Tribunal como novo patrocinador do club e padriño de Valentino Pinedo, nun acto celebrado no propio establecemento, que se converterá a partir de agora nun punto de encontro para toda a familia cobista.
A Cafetería Tribunal, con varios anos de traxectoria, aposta polo Club Ourense Baloncesto e ofrecerá aos afeccionados un espazo de referencia para seguir e desfrutar dos partidos do equipo cando lle toque xogar como visitante. O establecemento conta con pantallas de gran tamaño e pretende converter cada xornada fóra de casa nunha nova oportunidade para vivir o COB en compañía.
Durante a presentación, María, traballadora da Cafetería Tribunal, animou a todos os afeccionados a achegarse ao local para vivir os encontros:
“Anímovos a vir cando o equipo xogue fóra de casa. Aquí pasaredes un bo momento, cun ambiente moi agradable e poderemos desfrutar todos xuntos dos partidos”.
O acto serviu tamén para presentar oficialmente a Valentino Pinedo, novo xogador do Club Ourense Baloncesto. O interior ourensista, nacido en 2004 e internacional con España nas categorías de formación, chega ao equipo despois de catro temporadas nos Estados Unidos.
O adestrador do COB, Moncho López, explicou os motivos que levaron ao club a apostar por Pinedo e destacou especialmente a súa capacidade para actuar tanto na posición de ala-pívot como de pívot.
“Eu buscaba un xogador do perfil de Valentino. Analizando o mercado vimos que existía a posibilidade de incorporalo e, desde o momento no que o vimos e o analizamos, foi a nosa primeira opción. Queriamos telo aquí en Ourense si ou si”.
López destacou tamén a capacidade do xogador para entender o xogo de maneira colectiva, definíndoo como un “conector ofensivo”, un perfil de xogador capaz de tomar diferentes decisións co balón e facilitar o xogo dos seus compañeiros.
O técnico sinalou ademais que Pinedo conta cun valor engadido importante: o coñecemento do baloncesto español tras a súa formación no país e a súa presenza nas seleccións españolas de categorías inferiores.
“É un xogador moi versátil, que pode ocupar tanto a posición de catro como a de cinco. Esa capacidade xa a demostrara coas seleccións españolas e tamén nos Estados Unidos, polo que non foi unha sorpresa o rendemento que está a ofrecer”.
Tras a pretempada, Moncho López mostrouse satisfeito coa evolución do xogador e coa súa actitude diaria:
“É un rapaz cunha ética de traballo moi boa, moi intelixente e que sabe que non hai nada feito. A liga vai ser moi dura”.
Pola súa banda, Valentino Pinedo explicou que a decisión de incorporarse ao COB estivo motivada, entre outras cuestións, polo proxecto deportivo e pola experiencia do club no desenvolvemento de xogadores novos.
O xogador recoñeceu que o baloncesto español ten diferenzas respecto ao vivido durante os seus anos nos Estados Unidos:
“En Estados Unidos xógase moito máis un contra un. Aquí hai máis táctica, máis xogadas e unha estrutura de xogo diferente. A min gústame máis este tipo de baloncesto e creo que o meu xogo pode aproveitarse máis aquí”.
Pinedo tamén destacou a boa acollida que recibiu desde a súa chegada ao vestiario do COB, facendo especial mención á súa relación con varios dos seus novos compañeiros.
“Acolléronme todos moi ben. Martín Iglesias é un rapaz co que medrei xogando e Seixas tamén é da miña xeración. A convivencia co resto dos rapaces está a ser moi boa. Creo que temos un bo ambiente de vestiario”.
Unha integración que o propio xogador non dubidou en definir cunha palabra: familia.
Co acordo coa Cafetería Tribunal, o Club Ourense Baloncesto suma un novo apoio á súa familia de patrocinadores e crea, ao mesmo tempo, un espazo pensado para que a afección poida manterse preto do equipo tamén nos partidos fora da casa.
O Club Ourense Baloncesto quere agradecer á Cafetería Tribunal a súa aposta polo proxecto e darlles a benvida á familia do COB.