A Autoescola San Rosendo incorpórase ao proxecto de padriños de xogadores do Ourense Baloncesto e acompañará a Diogo Seixas durante esta tempada.
O Ourense Baloncesto continúa estreitando lazos co tecido empresarial e social da cidade. Neste caso, o club presentou o acordo de patrocinio con Autoescola San Rosendo, que se incorpora ao proxecto de padriños de xogadores para acompañar a Diogo Seixas ao longo desta tempada.
Esta iniciativa busca xerar un vínculo especial entre as empresas que apoian o club e os xogadores da primeira equipa, ao tempo que permite reforzar a colaboración entre o Ourense Baloncesto e o seu contorno.
Diogo Seixas afronta a súa segunda etapa no Ourense Baloncesto con ilusión e coa intención de continuar evolucionando como xogador. O xogador portugués, nacido no ano 2004, converteuse nun dos mozos con maior proxección dentro do proxecto ourensán.
O adestrador do equipo, Moncho López, destacou durante a presentación tanto as súas capacidades deportivas como as súas cualidades persoais.
“É un xogador que pode xogar en distintas posicións da pista. Ademais do talento e da capacidade física, ten unha ética de traballo extraordinaria e é un excelente compañeiro. Creo que ten un grandísimo futuro por diante”, sinalou o técnico.
Nesta nova etapa, o obxectivo será aproveitar ao máximo a versatilidade de Seixas e achegalo progresivamente a posicións máis exteriores.
“Queremos explotar esa versatilidade e que nesta segunda etapa con nós se aproxime a esas posicións máis perimetrais nas que xa xogou e nas que está moi habituado”, explicou Moncho López.

O propio Diogo recoñeceu que terá un papel diferente ao da pasada tempada:
“Vou ter un papel un pouco diferente ao ano pasado, pero creo que son un xogador que pode achegar en todo: nos rebotes, nas asistencias, no ataque… Vou axudar ao equipo en varias posicións e facer o que faga falta”.
A versatilidade será, precisamente, unha das súas principais armas. “Creo que podo achegar un pouco de todo. Non teño que ser só un tirador ou facer unha única cousa”, explicou o xogador.
Moncho López tamén analizou a evolución de Seixas durante a pretempada e o proceso de adaptación que está a vivir.
“Está nun proceso de cambio moi radical dentro das posicións: de home grande a xogar no exterior. Xa o fixera antes, pero agora ten que facer o que xa sabe a maior velocidade”, explicou.
O técnico é consciente de que este proceso require tempo, especialmente á hora de enfrontarse a xogadores exteriores máis rápidos e agresivos, pero confía plenamente na capacidade de traballo do xogador.
En canto ás molestias no xeonllo que condicionaron parte do traballo de pretempada, Moncho López confirmou que a evolución é positiva e que se trata dunha sobrecarga derivada da acumulación de traballo.
O adestrador do Ourense Baloncesto tamén se mostrou optimista co traballo realizado polo equipo durante a pretempada e co crecemento do proxecto.
“Creo que temos un moi bo equipo e unha liga cada vez máis dura. Nesta liga hai que picar moita pedra para gañar, pero tamén nos imos divertir moito e imos poder saborear os logros que vaiamos conseguindo”, sinalou.
Moncho López destacou ademais a importancia do apoio da afección e do tecido social e empresarial ourensán.
“Estou sentindo o público máis preto de nós. Oxalá poidamos comezar a tempada cun gran ambiente xa nos primeiros partidos, porque a xente chama á xente”, afirmou.
E, aínda que evita facer promesas, o técnico ten claro o obxectivo: “Estou moi convencido de que a tempada vai ser das mellores do meu período aquí”.
Pola súa banda, Diogo Seixas quixo animar á afección a acompañar o equipo durante toda a tempada:

“Este ano si ou si teñen que facelo, porque vai ser un ano moi bonito. O pavillón é moi divertido, ides ver os partidos e ídelo pasar ben apoiando sempre ao club”.
Co apoio de Autoescola San Rosendo, Diogo Seixas inicia así unha nova tempada en Ourense, coa ilusión de continuar medrando como xogador e contribuír a que o equipo alcance os seus obxectivos.
