WhatsApp Image 2026-02-07 at 19.27.00

O Cloud.gal Ourense impón o seu carácter no Paco Paz e supera ao HLA Alicante

O Cloud.gal Ourense sumou unha vitoria de carácter no Paco Paz tras superar ao HLA Alicante por 81-75 nun encontro intenso, de alternativas constantes e decidido no tramo final cun equipo que nunca deixou de crer. O partido arrancou con espectáculo e cunha conexión directa coa bancada: alley-oop de Romaro Gill para abrir o marcador e prender a faísca no Pazo. O primeiro cuarto foi un intercambio continuo de golpes, con Rafa e Isaac castigando en penetración, Gabe e Sean atopando o acerto exterior e Okanu e Seixas aportando presenza e puntos para soster o ritmo. O conxunto visitante aproveitou un tramo final máis acertado para pechar os primeiros dez minutos cun 18-23 que obrigaba a remar.

No segundo período mantívose o pulso competitivo. Kentwan entrou con enerxía, Gabe seguiu asumindo responsabilidade ofensiva e Iglesias deu consistencia preto do aro. O Cloud.gal Ourense competía cada posesión, pero o HLA Alicante conseguía conservar unha pequena vantaxe castigando pequenos desaxustes e xogando con paciencia. O intercambio de canastras foi constante ata o 34-40 do descanso, deixando todo aberto para unha segunda metade que prometía emoción.

Tras o paso polos vestiarios chegou a reacción. O equipo elevou o nivel defensivo, incrementou a intensidade nas liñas de pase e comezou a correr con máis criterio. Sean e Kentwan lideraron o primeiro arreón, Gabe mantivo a produción en momentos clave e Okanu sumou un valioso 2+1 que alimentou a remontada. Rafa e Seixas tamén apareceron nun terceiro cuarto de máxima igualdade que rematou cun axustado 59-61, coa sensación de que o partido estaba onde quería o COB.

No último cuarto apareceu o carácter e a determinación. Isaac achegou serenidade e puntos en accións consecutivas, Kentwan sostivo o equilibrio ofensivo e Okanu seguiu facendo dano na pintura. O encontro entrou nos minutos finais completamente aberto ata que emerxeu a figura de Romaro Gill. Primeiro para empatar, despois para poñer por diante ao equipo e, a falta de 46 segundos, culminando un alley-oop espectacular que fixo estoupar o Paco Paz e inclinou definitivamente o partido. Dous puntos máis do propio Romaro sentenciaron o 81-75 final e certificaron unha vitoria construída desde a intensidade, a fe e o empuxe da bancada. Ourense respondeu cando máis importaba.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

FOTOS: BRENDA CASTRO

Fotografía.