DSC_1501

O COB busca confirmar a súa reacción nunha esixente visita a Fuenlabrada

O Club Ourense Baloncesto afronta mañá sábado a sétima xornada da Primeira FEB cunha saída de máxima esixencia. Os ourensáns visitan o pavillón Fernando Martín para medirse ó Partizan de Fuenlabrada (18:30 horas), coa intención de dar continuidade á vitoria conseguida ante o Fibwi Mallorca e sumar dous triunfos consecutivos.

O resultado da pasada xornada permitiu ó COB transformar en vitoria o bo xogo que viña mostrando nos últimos encontros. Agora terá diante un dos equipos con maior potencial da competición. O Fuenlabrada aínda non conseguiu os resultados que se agardaban no inicio de liga, pero conta cunha plantilla de primeiro nivel, con xogadores contrastados na categoría e experiencia na ACB.

O conxunto madrileño reúne moitas vías de anotación. Benítez é unha ameaza nas saídas de indirectos e no bloqueo directo; Cardoso destaca pola súa potencia física e Huskic pola súa capacidade para xerar xogo nestas situacións. No rebote ofensivo, Caicedo e Belemene achegan intensidade, mentres que Iván Cruz, máximo anotador do equipo, combina o xogo interior coa ameaza desde o perímetro.

A visita ó Fernando Martín supón unha boa medida para comprobar a evolución do COB e a súa capacidade para competir ante unha das plantillas máis fortes da liga.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:

Fotografía.