O Club Ourense Baloncesto ficha a Santi Paz, promesa do baloncesto galego
Dende o Club Ourense Baloncesto queremos anunciar a incorporación de Santi Paz (Santiago de Compostela, 11 de marzo do 2003) ao noso plantel.Este movemento demostra, unha vez máis, a aposta do club por fortalecer o equipo con talento novo e prometedor, co obxectivo de seguir competindo ao máximo nivel.
Santi Paz, que destacou dende moi novo no ámbito do baloncesto galego, é considerado unha das grandes promesas deste deporte. Cunha altura impoñente e unha habilidade destacable, Paz ten demostrado un enorme potencial tanto en ataque coma en defensa. A súa traxectoria inclúe actuacións sobresaíntes en categorías inferiores, baloncesto de seleccións e chegando a debutar na ACB no ano 2022, o que o converte nunha adquisición estratéxica para o equipo ourensán.
“Santi Paz é un xogador de moitísimo talento e cunha capacidade física ideal para xogar de 3, que é onde queremos que desenvolva o seu xogo como xogador de rotación. Destaco o seu tiro de tres, tanto en posición estática como saíndo do bloqueo. Ademáis tamén pode manexar o balón, e dada a súa xuventude queremos traballar para potenciar estas capacidades, gustariame que fose un 3 grande que desenvolva capacidades de pequeno, de shooting guard” son as primeiras verbas de Moncho sobre Santi Paz.
Na súa última tempada, Santi, mediou 8,5 puntos, 2,1 rebotes, 0,5 asistencias e 0,8 roubos no Maderas Sorlí Benicarló da LEB Prata, onde xogaba cedido por Monbús Obradoiro.
"A fichaxe de Santi Paz é unha mostra clara do noso compromiso co futuro do baloncesto galego e da nosa vontade de integrar xente nova e talentosa no equipo," declarou o presidente do Club Ourense Baloncesto. "Estamos convencidos de que a súa incorporación traerá enerxía e frescura ao noso xogo, e esperamos que medre con nós e contribúa significativamente aos nosos éxitos."
Con esta nova fichaxe, o Club Ourense Baloncesto reforza o seu plantel con vistas á vindeira tempada, apostando por un proxecto que ilusione á afección e preparando o camiño para un futuro prometedor que nos permita acadar os obxectivos propostos.
BENVIDO SANTI!