Sean McDonnell, experiencia e versatilidade para o COB

08 de Julio del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto incorpora ao alero estadounidense Sean McDonnell, xogador de 2,03 metros de altura e 29 anos, que chega procedente do Hestia Menorca tras completar unha sólida tempada na Primera FEB. O xogador ficha por un ano con clausula de renovación automática en caso de ascenso á ACB.

Formado en Big Bend Community College e Westmont College, McDonnell conta cunha ampla experiencia no baloncesto profesional europeo, especialmente na LEB Oro, onde xa defendeu as cores de equipos como Oviedo, Alicante ou o Leyma Coruña, co que logrou o ascenso á ACB na campaña 2023–24.

Na pasada tempada 2024–25, McDonnell disputou 27 partidos co Hestia Menorca, asinando uns rexistros moi completos: 6,7 puntos, 4,7 rebotes (1,5 ofensivos) e 8,6 de valoración media en pouco máis de 21 minutos por encontro. Ademais, amosou unha alta eficacia no lanzamento, cun 48,5 % en tiros de campo e un notable 38 % en triplas. A súa capacidade para abrir o campo, xunto coa intensidade defensiva e o compromiso táctico, convérteno nun perfil que encaixa á perfección no estilo do COB. Trátase dun xogador versátil, capaz de ocupar tanto a posición de “3” como a de “4”, que achega equilibrio, experiencia e unha actitude de equipo moi valorada polos seus adestradores.

Desde o club confiamos en que a súa chegada supoña un paso máis na construción dun plantel sólido e competitivo para afrontar con ambición a tempada 2025–26.

AS VERBAS DE MONCHO

“Sean é un xogador capaz de render con garantías nas dúas posicións de forward, tanto como un ‘3’ alto como un ‘4’ aberto. Chega cunha excelente reputación como xogador de equipo e gran compañeiro. Aportaranos experiencia e coñecemento do xogo, despois de exercer un papel semellante no ascenso do Leyma Coruña á ACB. A palabra que mellor o define é ‘consistencia’, tanto a nivel técnico como emocional. Combina un bo tiro exterior con porcentaxes destacadas en varias posicións, ademais de ofrecer rebote, defensa e unha gran solidez mental.”

Benvido a Ourense, Sean.

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar