Diogo Seixas: A perla portuguesa chega a Ourense

O Club Ourense Baloncesto pecha unha incorporación estratéxica pensando no presente… e no futuro. O internacional portugués Diogo Seixas (2,03 m, 21 anos), un exterior polivalente con gran capacidade de manexo e visión de xogo, únese ao cadro cobista tras formarse no baloncesto universitario estadounidense.
Procedente dos Central Arkansas Bears (NCAA, Atlantic Sun Conference), Seixas é un xogador moderno, versátil, intelixente no xogo sen balón e cun excelente dominio do pick and roll. O seu perfil encaixa perfectamente na estrutura dun equipo que aposta polo crecemento sostido e a consolidación a medio e longo prazo. Natural de Lisboa e criado deportivamente no Imortal de Albufeira, Seixas deu o salto a Estados Unidos para completar a súa formación en dúas universidades: San Jose State e, máis recentemente, os Central Arkansas Bears, onde xogou a tempada 2024/25. Ao longo da súa etapa NCAA demostrou unha clara evolución como creador secundario, aportando puntos desde o perímetro, rebote defensivo e lectura táctica. A súa capacidade para alternar posicións, actuar como manexador en transición ou iniciar xogadas en media pista converten a Seixas nunha peza singular e moi valiosa para a competición.
A dirección deportiva do COB define a Seixas como un dos talentos máis prometedores do baloncesto portugués, chamado a ser referencia da súa xeración. Cun bo tiro exterior, físico potente e intelixencia competitiva, chega a Ourense como unha aposta a varios anos, cun obxectivo claro: medrar xunto ao club e consolidarse no basket europeo como xogador diferencial.
Diogo Seixas chega a Ourense con ilusión e ambición, disposto a dar o salto definitivo ao profesionalismo nun club que aposta pola estabilidade, o desenvolvemento de talento e a construción de futuro.
AS VERBAS DE MONCHO
“Diogo Seixas é un xogador cun bo físico e moita versatilidade, capaz de achegar tanto no rebote como na defensa. Vén con experiencia en contornos competitivos diversos, o que lle dá unha bagaxe valiosa para adaptarse rápido ao que esixirá a Primeira FEB. Dentro do noso sistema poderá ocupar calquera das tres posicións exteriores —2, 3 e 4— e mesmo está preparado para asumir minutos na posición de base, pois xa foi utilizado nese rol durante a súa etapa formativa. Para o COB, é unha incorporación que mira ao presente pero, sobre todo, ao futuro. Conformará, xunto a Isaac Vázquez e Martín Iglesias, un trío de xogadores novos con moita proxección, xa preparados para competir con garantías. A nosa idea é crear para eles un contorno de traballo esixente e positivo, onde poidan medrar individual e colectivamente, contribuíndo desde o primeiro día. Sabemos que a nosa afección, tan entendida e entregada, saberá apreciar o esforzo, a entrega e o potencial destes mozos.”
Benvido, Diogo!
Volveremos, e ti xa estabas