O Club Ourense Baloncesto é superado por un gran Amics Castelló
O Club Ourense Baloncesto cae derrotado ante Amics Castelló no partido correspondente á xornada 7 da Primeira FEB.
Comezaba o partido igualado con ambos equipos tentando gañar peso co paso dos minutos, e mediado o cuarto, o equipo local conseguía a primeira vantaxe no marcador ao porse 6 arriba. Mais o Club Ourense Baloncesto era quen de reaccionar e tras tres triplas seguidas, dúas de Javi López e unha de Aanen Moody, que daban volta ao marcador e obrigaba ao adestrador de Castelló a pedir tempo morto. Co balón de novo en movemento ambos conseguían anotar e o partido estaba moi igualado, pero un bo parcial de Castelló púñaos de novo por diante, 4 arriba, e Moncho López paraba o partido con 50 segundos por xogarse do primeiro cuarto. Ao final 26-24 e todo un mundo por diante.
No segundo cuarto saían mellor os de Moncho López e conseguían darlle a volta ao partido pero non se despegaban no marcador e Castelló continuaba mostrando unha gran intensidade e facía que os nosos non xogasen cómodos. Ainda así, o equipo conseguiu irse por diante no marcador ao túnel de vestiarios por 46-47.
Tralo descanso o Amics Castelló saíu cunha marcha máis e pouco a pouco ía impoñendo o seu poderío físico e superioridade no xogo interior, que sumado ao desacerto no tiro dos nosos xogadores provocaba as primeiras diferencias destacables no marcador. O COB non se daba por vencido e lograba rematar o cuarto tan só 4 abaixo, 72-68 e dez minutos por diante para a reacción cobista.
Reacción que non se produxo senón que se agravou máis, os de Moncho López non conseguían volver ao partido e a precipitación en certos momentos e o acerto de Tate en momentos clave por parte dos locais convertían o partido nunha misión case imposible para o COB. A distancia cada vez era maior ata irse aos 12 puntos de vantaxe e tan só un minuto por xogarse. Ao final unha tripla de Aanen Moody sobre a bocina deixaba o marcador final en 95-86 e a vitoria quedaba en Castelló.
O próximo encontro será o sábado 16, ás 19:30 horas no Pazo dos Deportes Paco Paz ante o HLA Alicante e necesitámosvos a todos alí.