O COB impón o seu xogo en Sant Antoni e queda a unha vitoria da Final Four da Copa España

18 de Noviembre del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto conseguiu o triunfo na súa visita a Ibiza ao superar ao Class Bàsquet Sant Antoni por 72–83 e manterse con opcións plenas de acceder á Final Four da Copa España. O equipo de Moncho López foi de menos a máis, medindo ben o ritmo do encontro, impoñendo a súa intensidade e demostrando oficio para controlar o partido fóra da casa.

O primeiro cuarto estivo cheo de alternativas, aínda que o COB mantivo sempre unha sensación de control grazas ao bo facer de Gabe Kalscheur, moi acertado nos primeiros minutos, e á seriedade de Rafa Lisboa na dirección. As aparicións de Okanu, Isaac Vázquez e Carlos Jurgens permitiron aos de Moncho López pechar o primeiro período por diante (24–28).

No segundo cuarto o partido mantivo o guión: Sant Antoni resistía empurrado polo seu público, pero o COB atopaba respostas constantes. Rafa Lisboa marcou o ritmo, Gabe continuou sumando e Romaro Gill impuxo a súa presenza baixo o aro. McDonnell tamén apareceu en momentos clave e o duelo chegou ao descanso cun axustado 39–41 para os ourensáns.

Tras o paso polos vestiarios, o COB deu o paso adiante que necesitaba o encontro. A defensa gañou consistencia, Isaac Vázquez abriu o parcial, Jurgens encarou o aro con agresividade e o equipo comezou a romper o partido. Okanu dominou na pintura, Gabe aportou diagonais ofensivas, McDonnell ampliou a renda e Martín Fernández asinou un tramo final de cuarto brillante para levar o marcador ata un sólido 57–67.

No último período, o COB mantivo a seriedade e non deu opcións ao conxunto de Ibiza. Gabe abriu con un 2+1, Rafa ampliou a diferenza desde o perímetro e Gill converteuse nun argumento incontestable na zona rival para pechar definitivamente o encontro. O COB xogou con criterio, administrou a renda e selou unha vitoria clara (72–83) no que foi, por momentos, un exercicio de superioridade física e control do xogo.

Un triunfo importante fóra da casa que mantén ao equipo competitivo e sólido na Copa España… e que deixa ao Club Ourense Baloncesto a tan só unha vitoria de selar o billete para a Final Four da competición.

Fotos: Juan Antonio Riera

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar