O Cloud.gal Ourense Baloncesto estará na Final Four tras vencer en Logroño

07 de Enero del 2026
Comparte

O Cloud.gal Ourense Baloncesto logrou en Logroño unha vitoria ante o LogroBasket nos cuartos de final da Copa España, un resultado que lle permite estar na Final Four tras un encontro no que soubo manexar vantaxes e responder nos momentos clave.

O partido comezou igualado, con intercambio de canastras nos primeiros minutos. Sean McDonnell marcou o ritmo inicial no perímetro, mentres o Cloud.gal Ourense Baloncesto foi asentándose co paso das posesións e atopando puntos tamén en Gabe Kalscheur, Okanu e Martín Fernández para pechar o primeiro cuarto con equilibrio.

No segundo parcial, o equipo ourensán mellorou desde a defensa e conseguiu maior continuidade ofensiva. Kentwan Smith apareceu con acerto exterior, Okanu impúxose preto do aro e o Cloud.gal Ourense Baloncesto abriu unha pequena fenda no marcador, que lle permitiu chegar ao descanso por diante, sen grandes diferenzas (35-41).

Tras o paso polos vestiarios, o encontro mantivo un guión semellante. O Cloud.gal Ourense Baloncesto sostivo o control do ritmo e foi ampliando progresivamente a vantaxe grazas ás achegas de Okanu, Martín Fernández, Isaac Vázquez e Gabe Kalscheur, pechando o terceiro cuarto cunha renda cómoda (48-58).

No último período, o LogroBasket conseguiu reducir diferenzas con un parcial que apertou o marcador e obrigou ao Cloud.gal Ourense Baloncesto a manter a concentración. O equipo respondeu nos minutos finais, recuperando marxe no marcador a través do xogo colectivo e do acerto puntual en ataque, para pechar o encontro sen sobresaltos e asegurar o triunfo por 64-72.

Un resultado que confirma a presenza do Cloud.gal Ourense Baloncesto na Final Four da Copa España.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Fotos: LogroBasket Club

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar